Un mariñeiro do Porto do Son pesca unha raia bicuda de máis de 50 quilos
O peixe comprouno unha peixeira da Pobra, que o vende no seu posto na praza entre os clientes habituais
Os pedazos mellores andan polos quince euros o quilo
Juan José Paulos levou unha boa sorpresa ao ver que o seu pequeno palangre tradicional traía esta raia bicuda en vez dos congros que quería pescar. O mariñeiro atopábase preto da Punta Santa Catalina, na ría de Muros e Noia. Hoxe volveu saír ao mar a bordo do seu pesqueiro Helena Dous.
"Hoxe non puiden ir ao mesmo sitio porque había algo de vento. Nada, viña xirando pensei que era un congro, marchou e ao final era unha raia. Aquí adoitanse coller, pero máis pequenas", di o mariñeiro.
Pesou 53 quilos e case tiña un metro e medio de longo.
"Vendeuse na lonxa a dous euros cincuenta, estas tan grande adoitan ir baratas", conta o mariñeiro.
Na lonxa comprouna esta pescadeira, que a vende, xa en toros, no seu posto da praza da Pobra.
"Para cortala precismos dous palés para poñela encima. É a máis grande que trouxemos, traemos de 26, 27 quilos, pero esta é esaxerada.
Aquí ten moito éxito e incluso grande mellor, ten a carne máis feita", conta Irene.
Na cámara garda outras cinco caixas de raia coma esta, que conta vender mañá.
"Mañá penso que toca raia, mañá van vir por ela. Teño clientes que ma deixan encargada. Gardeina na cámara porque xa hai clientes que xa veñen por esta raia" . "A xente moi fresca non a quere, porque ten o mesmo problema que a carne, se está moi viva está dura", di a peixeira.
Aínda que a comprou a menos de tres euros, o prezo final deberá compensar os desperdicios que ten este peixe.
"O toro gordo, a quince; os rabos poñémolos a cinco, pero ningúen os quere e acabámolos tirando. Ten moito desperdicio, tes que compensar", explica.