Un armador portugués ameaza con cortar o pescozo por unha multa de pesca
O empresario foi sancionado por superar as cotas de pesca, e xa no 2019 fixera unha sentada na porta polo mesmo motivo
Arrancaba unha mañá tranquila na Subdelegación do Goberno en Pontevedra cando a chegada dun armador de orixe portuguesa o cambiou todo. Tiña cita previa para presentar alegacións contra unha sanción por superar as cotas de pesca permitidas. Infracción que supuña unha multa ou o amarre forzoso da súa embarcación.
O home sufriu un ataque de nervios, sacou unha navalla e ameazou con cortar o pescozo. Segundo as testemuñas, o coitelo "era de moi poucas dimensións, de feito o detector de metais nin o detectou, logo fixen a proba, e era moi pequeno. Pero tíñao posto no pescozo, e ante a posibilidade de que se puidese facer dano, aguantalo, falar con el e que chegasen as forzas de seguridade do Estado, que tomaron o mando da situación".
Malia o temor inicial dos traballadores, tres dotacións da Policía Nacional lograron disuadilo tras 45 minutos de negociación. "Simplemente quería chamar a atención, facer un acto de lesionase ou chamar a atención, pero en ningún momento chegou lesionarse nin ameazar ningún traballador nin a mín", relata un garda de seguridade.
O armador é un vello coñecido desta Subdelegación do Goberno en Pontevedra. "Xa no 2019 fixera aquí unha sentada con carteis e megáfono, polo mesmo motivo: sancións de pesca", comenta un traballador.
O home foi traslado á unidade de Psiquiatría do hospital Montecelo. Propietario dunha ducia de embarcacións, podería quedar sen posibilidade de descargar en portos de Galicia.