Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novo papa, apagamento xeral e un verán de incendios; así foi 2025

Novo papa, apagamento xeral e un verán de incendios; así foi 2025

2025 foi o ano en que Galicia comezou a xestionar o seu litoral e se mantivo o debate sobre o proxecto de Altri e as peaxes da AP-9  

Nó ámbito internacional, os conflitos de Gaza e Ucraína foron os que volveron ocupar máis portadas

Os casos de corrupción complicaron o liderado de Pedro Sánchez e o me too sacudiu o PSdeG

(Europa Press/Stefano Spaziani) (Europa Press/Stefano Spaziani)
G24.gal 30/12/2025 23:00 Última actualización 30/12/2025 17:29

O ano 2025 que finaliza deixará para sempre na memoria un verán en que os incendios arrasaron os montes do país, un día en que se fixo a escuridade en toda a Península e a despedida da Igrexa Católica a un carismático papa a quen sucedeu o primeiro estadounidense en portar o Anel do Pescador.

Case 120.000 hectáreas ardidas

Galicia viviu en 2025 os maiores incendios da súa historia, co de Larouco e as súas máis de 31.700 hectáreas arrasadas á cabeza, tras un agosto negro para a provincia de Ourense que provocou o peor ano desde 1989 en canto a superficie queimada, aínda que sen vítimas mortais.

Case 120.000 hectáreas arderon no país, a maior parte nos 673 incendios rexistrados en agosto e un terzo en espazos protexidos, segundo os datos da Xunta.

Con menos incendios, pero máis virulentos, tres dos que se produciron este pasado verán encabezan a clasificación histórica de Galicia, os que empezaron nos concellos de Larouco (31.700 hectáreas), Oímbra (23.763) e Chandrexa de Queixa (23.000). Foron 24 días desde que o lume comezaba a correr polos montes de Chandrexa ata que os últimos focos quedaban extinguidos.

(Europa Press/Carlos Castro) (Europa Press/Carlos Castro)

O ano do apagamento

O 28 de abril a Península Ibérica quedou ás escuras por unhas horas nun inédito apagamento que, segundo os informes, tivo unha orixe multifactorial e do que aínda non se determinaron responsabilidades, aínda que derivou nun cruzamento de acusacións entre o operador do sistema (Red Eléctrica) e as eléctricas.

A Francisco sucedeuno León XIV

O 21 de abril falecía o papa Francisco, o carismático arxentino, de grande impacto mediático. No Vaticano, onde a sucesión funciona como a maquinaria dun reloxo perfectamente engraxada, dispúxose todo para despedir o Pontífice e preparar o conclave do que debía saír o novo papa.

O 8 de maio a agardada fumata branca anunciaba que os cardeais xa se puxeran de acordo, o elixido era Robert Francis Prevost, de 70 anos, que elixía o nome de León XIV e que é o primeiro estadounidense, o primeiro pontífice misioneiro, con máis de 20 anos no Perú, e o primeiro agustiniano en levar o Anel do Pescador.

(Europa Press/Stefano Spaiani) (Europa Press/Stefano Spaiani)

O ano máis complicado para o liderado de Sánchez

Con dous exsecretarios de organización do PSOE, e persoas de confianza para o presidente do Goberno, investigados por corrupción, no que comezou sendo o caso Koldo que foi escalando ata chegar a José Luis Ábalos e Santos Cerdán, o ano 2025 finaliza seguramente como o máis complicado para o liderado de Pedro Sánchez.

O exministro Ábalos e o que fora o seu asesor, Koldo García, permanecen actualmente en prisión, mentres que Cerdán quedou en liberdade tras catro meses en prisión preventiva en Soto del Real. O caso deberá avanzar na súa investigación no 2026 nas distintas frontes abertas tanto no Tribunal Supremo como na Audiencia Nacional.

(Europa Press/Fernando Sánchez) (Europa Press/Fernando Sánchez)

A condena que inhabilitou o fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz, o procesamento a David Sánchez, irmán do presidente, ou a continuación das investigacións xudiciais á súa esposa, Begoña Gómez, son outros dos casos que asedian o líder socialista, xunto aos casos de acoso sexual no PSOE, que lle fixeron recoñecer falta de dilixencia na súa tramitación; ou os avatares da "fontaneira" Leire Díez.

Condena ao fiscal xeral do Estado

Nun ano co trono nos tribunais especialmente disputado, gana, sen dúbida, a condena contra Álvaro García Ortiz. A orixe do proceso foi a denuncia da parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, pola filtración dun correo no que recoñecía cometer dous delitos fiscais.

O Supremo condenouno a 7.200 euros de multa e dous anos de inahabilitación para o cargo de fiscal xeral do Estado sen ter redactada a sentenza que despois declarou probado que Álvaro García Ortiz "ou alguén da súa contorna" co seu coñecemento cometeu un delito de revelación de datos reservados.

Novo ciclo electoral

 O ano 2025 finaliza coa vitoria de María Guardiola nas eleccións estremeñas, aínda que dependerá en boa media dos apoios de Vox, e abre un novo ciclo electoral que terá a súa próxima estación nos comicios de Aragón, nos que o PP tamén confía nun bo resultado.

Os populares quixeron pasar páxina da xestión da dina por parte do xa expresidente valenciano, Carlos Mazón, quen finalmente presentou a súa renuncia

Os erros nos cribados de cancro en Andalucía tamén puxeron na diana o Goberno de Juanma Moreno, quen polo momento se resiste á convocatoria electoral.

A demoscopia, salvo o CIS, apunta a unha vitoria do PP nunhas hipotéticas eleccións xerais, aínda que de momento necesitarían apoios doustras forzas na dereita como Vox ou Junts. 

Galicia comezou a xestionar o litoral

2025 tamén foi o ano no que Galicia, tras 16 anos, estreaba unha nova competencia: a xestión do litoral. A Xunta tomaba o mando para ordenar a desde a faixa costeira ata os bares de praia. 

Culminaba así un enfrontamento entre a Xunta o Goberno central, no que tamén foi a tónica destes doce meses e nos que as disputas co Executivo de Sánchez se sucederon desde a xestión e rescate da AP-9 ata a conexión eléctrica e o expediente de Altri.

O proxecto para a instalación da macrocelulosa en Palas de Rei espertou contestación social e está pendente da autorización definitiva da Xunta, pero condicionada polos accesos á rede eléctrica e a autorización do seu financiamento por parte do Executivo español.

Entrementres o Goberno de Alfonso Rueda volveu aprobar os seus orzamentos para 2026, o que garante estabilidade para o próximo exercicio, segundo pon de manifesto a propia Xunta, que confronta coa situación do Executivo central que os ten prorrogados desde 2023 e que ten complicado sacalos adiante tras a súa ruptura con Junts.

Ademais, entre outras medidas, o Goberno galego sacou adiante a Lei de adicións, que prohibe que os menores consuman bebidas enerxéticas ou compren vapeadores, e tamén a Lei do deporte, con especial incidencia na persecución da violencia neste ámbito.

O me too chegou á política galega

Este último mes de 2025 a polémica política galega estivo centrada nas denuncias aparecidas no seo do PSdeG por acoso sexual e por acoso laboral. O caso máis destacado foi o do xa expresidente da deputación de Lugo, José Tomé, quen acabou por dimitir, pero conservando a acta de deputado provincial e manténdose á fronte do concello de Monforte.

Anteriormente, o agora exconselleiro do Mar Alfonso Villares dimitiu tras unha denuncia por agresión sexual, pola que este mesmo luns un xulgado de Ferrol decidiu non procesalo, algo que deberá confirmar ou revogar a Audiencia Provincial da Coruña.

O ano comezara con outra polémica a condena do Tribunal Supremo ao expresidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar, quen segue sendo senador por designación autonómica, por un delito contra a seguridade viaria.

Gaza, en punto morto

Desde que Israel empezase a súa ofensiva en Gaza como represalia polos ataques de Hamas en outubro de 2023, o número de mortos en Gaza aproxímase aos 71.000, segundo o Ministerio de Sanidade gazatí, controlado por Hamas, mentres as negociacións para implementar a segunda fase do plan de paz de Trump tras o cesamento do fogo non avanzan

Tras dous anos dunha dura ofensiva militar e un bloqueo á entrada de axuda humanitaria, o 16 de setembro de 2025 unha comisión da ONU decretou que Israel cometeu un xenocidio contra a poboación palestina en Gaza.

(Reuters/Dawoud Abu Alkas) (Reuters/Dawoud Abu Alkas)

As protestas e a presión internacional medraron segundo avanzou o ano, e sucedéronse os recoñecementos do estado Palestino. En España, que liderou as condenas a Israel, xa o fixera en 2024, e neste ano viviu as protestas na Volta a España, con destacadas accións nas etapas galegas, ou a retirada de RTVE do festival de Eurovisión. 

En canto á guerra en Ucraína, o 2025 evidenciou que as posicións de Kíiv se debilitaban, e tan só a UE mantén no seu apoio incondicional. Zelenski iniciaba o ano cunha reprimenda por parte de Trump na propia Casa Branca, e acabouno iniciando negociacións con pasos adiante e pasos atrás, pero nas que admite xa o que parecía innegociable que é que Ucraína perderá territorios cando se chegue a asinar un armisticio

En canto a América Latina os ollos están agora mesmo postos en Venezuela. Os Estados Unidos meten presión entre facerse co control das reservas petrolíferas, o combate indiscriminado do narcotráfico e forzar a fin do chavismo e a saída de Nicolás Maduro, no que parecen ser tres movementos da mesma estratexia.

E no Brasil o expresidente Jair Bolsonaro foi condenado a 27 anos e tres meses de prisión por liderar un complot golpista para perpetuarse no poder tras perder a eleccións de 2022 fronte ao actual mandatario, Luiz Inácio Lula da Silva. Bolsonaro cumpre condena desde novembro na sede da Policía Federal de Brasilia.

Da gripe aviaria á peste porcina

2025 foi o ano no que a gripe aviaria nos deixou o confinamento das galiñas e de todas as aves de curral. Tras a detección en distintos puntos de España de máis dunha ducia de focos, as medidas fixéronse estritas. O virus segue moi presente na avifauna salvaxe e máis alá do impacto que ten para as granxas afectadas, o que si repercutiu é no incremento dos prezos tanto da carne de polo como nos ovos.

Outra das novidades en sanidade animal foi a irrupción da dermatose nodular contaxiosa coa detección de 18 focos en gando vacún da provincia de Xirona a principios de outubro. As restricións tamén chegaron a este gando durante semanas, entre outras cousas co veto á celebración de feiras.

Pero quizais o que máis preocupa é evolución que pode ter a peste porcina detectada en Cataluña. A aparición de casos de peste porcina africana foi, sen dúbida, a gran sorpresa dentro do ámbito da sanidade animal porque levaba máis de tres décadas sen aparecer en España e pola repercusión comercial que ten para un sector tan relevante como o porcino.

Aínda que, polo momento, só detectáronse casos en xabarís na comarca barcelonesa do Vallès Occidental e ningún en granxas, iso non evita que ata 40 países impuxesen restricións para a entrada de derivados do porco desde calquera punto de España e non só desde a zona afectada.

O sector agroalimentario tamén ten que soportar os aranceis impostos por Trump á Unión Europea e os recenetemente anunciados pola China ao leite e o porcino europeos. Tamén se observa con recelo a nova PAC ou o acordo co Mercosur, que esperta o recelo no campo, que xa retomou as mobilizacións e as tractoradas. 

O mundo do mar, pola súa parte, mira como cada ano cara a Bruxelas, co acordo sobre cotas de pesca que recorta un 70 % as capturas de xarda e un 40 % as do lirio, e que tanto desde o sector en Galicia como desde a Xunta se cualificou como "decepcionante".

A vivenda, entre as principais preocupacións

O 2025 tamén deixa a crecente preocupación pola vivenda. As distintas administracións asumen a problemática, con distintos diagnósticos e solucións, pero polo momento os prezos, en especial os do alugueiro, non deteñen a escalada

Entre as novidades deste pasado ano estivo a declaración de zona tensionada na Coruña, obxectivo tamén do concello de Santiago, que polo momento non logrou. As dúas cidades, iso si, lograron implantar a taxa turística.

A economía galega asiste moi pendente á evolución do proceso xudicial en torno aos proxectos eólicos, dos que dependen moitas outras iniciativas industriais, e que polo momento segue en parálise tras as sucesivas sentenzas contrarias no TSXG. Amais tamén está no aire a repotenciación acordada pola Xunta tras o recurso ante o Constitucional por parte do Goberno Central.

E mentres Inditex encadea un ano máis récord de beneficios, no ámbito da grande empresa asistiuse ao fracaso da opa do BBVA sobre o banco de Sabadell.

Que vai pasar coa AP-9?

Tamén no ámbito económico o futuro da AP-9 marcará os próximos meses. A Autoestrada do Atlántico ten abertas varias frontes, logo da condena a devolución das peaxes durante as obras de Rande. E mentres se debate un posible rescate da concesión, que polo momento o Goberno nega e a Xunta reclama, e tamén o traspaso das competencias sobre esta infraestrutura, avanza o expediente aberto en Bruxelas tras declarar ilegal a prórroga acordada polo Executivo de Aznar, e o caso podería acabar no Tribunal Europeo de Xustiza.

No ámbito da mobilidade o ano deixa coas obras da A-54, entre Lugo e Santiago, aínda sen finalizar e coa crise aeroportuaria provocada por Ryanair tras o anuncio da súa marcha. O espazo da aeroliña irlandesa está a ser ocupado por outras, principalmente no aeroporto compostelán, e haberá que ver logran compensar e recuperar a perda de viaxeiros.

Narcotráfico, submarinos, colectores e ata falsos peregrinos

Ducias de exitosas operacións policiais trataron de poñer freo ao narcotráfico en Galicia este 2025, mentres os traficantes avanzan no uso da tecnoloxía e calquera ruta válida para facer chegar os estupefacientes ata Galicia e deixan capítulos rocambolescos en terra, como facerse pasar por peregrinos tras cruzar o Atlántico.

As incautacións chegaron ata os 15.000 quilos de cocaína, o mercado da droga semella estar mellor surtido ca nunca e se ben segue chegando por medio de lanchas, ou incluso narcosubmarinos, a sospeita dos equipos policiais é que os portos son nestes momentos a principal vía de acceso. En concreto o de Vigo está entre os que encabezarían esa lista.

Entre os operativos máis destacados está o que se produciu a mediados de setembro cando se incautaron 3.650 quilos de cocaína nun narcosubmarino na Pobra do Caramiñal, ou a chamada operación Olimpia contra a organización que trasladaba a Galicia a droga en colectores entre peles de bovino.

Violencia machista 

E un ano máis a violencia machista volve deixar vítimas entre mulleres que morreron a mans das súas parellas ou exparellas. 

O primeiro caso informado en Galicia tivo lugar no municipio ourensán do Bolo o pasado 6 de abril, cando un home de 72 anos matou á súa dona, que tiña 76.

O segundo caso tipificado como tal ocorreu na Coruña e a vítima foi Maritza, de 49 anos e nai de cinco fillos. O seu marido, que contaba cunha orde de afastamento, confesou o crime.

Este ano tamén foron moitos os colectivos feministas que pediron que o caso dunha auxiliar de axuda no fogar no Porriño fose tratado como rotunda violencia machista. A traballadora, Teresa de Jesús González, de 48 anos, foi atopada por un familiar do matrimonio para o que prestaba servizos desde que a muller da casa quedara impedida. Teresa denunciara con anterioridade acoso sexual por parte do home.

Pendente de determinar está o durísimo episodio de Campo Lameiro, coa aparición de dous corpos calcinados. Tras varios días desaparecidos, o 31 de maio dous sendeiristas que pasaban por unha zona apartada da localidade, atoparon o vehículo abrasado e os dous cadáveres; ela dentro do coche e el situado a escasos metros. A muller formaba parte do sistema VioGén e sobre o home pesaban condenas por malos tratos.

Precisamente ese sistema VioGén tamén foi polémico polos fallos producidos no sistema de pulseiras de xeolocalización de protección ás vítimas.

Neste 2025 tamén foi condenado a 28 anos de cárcere a Roger Serafín Rodríguez, o home que agrediu sexualmente e asasinou, o 1 de setembro de 2013, a Elisa Abruñedo, unha muller de 46 anos que saíra a pasear polas inmediacións do seu domicilio, situado no municipio de Cabanas.

Tres condenas no caso de Samuel Luiz

O caso do asasinato na Coruña de Samul Luiz foi finalmente xulgado este ano. Dos cinco adultos acusados por este crime finalmente condenouse a tres. Un deles, Diego Montaña, coa agravante da discriminación sexual da vítima. 

Aínda que en primeira instancia a Audiencia Provincial condenara a catro acusados, o TSXG decidiu absolver un deles por fata de probas, e aínda esta semana o Supremo ratificou esa decisión.

Un dos crimes que máis sobresaltaron a sociedade foi o ocorrido na Coruña o 3 de outubro. Unha muller de 91 anos aparecía morta no seu domicilio. As sospeitas recaeron en Remedios Sánchez, condenada en 2008 a 144 anos de prisión por matar a tres anciás en Cataluña, e coñecida como a Matavellas.

En novembro, un home de 56 anos que pernoitaba nas instalacións abandonadas da antiga estación de autobuses de Vigo foi apuñalado por unha muller que chegara recentemente a durmir nesa instalación.

O pasado sábado 13 de decembro faleceu na Coruña un mozo senegalés de 20 anos tras ser apuñalado no parque de Santa Margarida por outro senteito co que discutira por un sitio para durmir.

E xa acabando o ano, o 20 de decembro detiñan un mozo acusado de matar unha compañeira de piso na Coruña. A vítima fora acoitelada durante unha discusión e faleceu ao día seguinte no hospital.

En canto aos accidentes de tráfico, o ano deixa 93 vítimas mortais nas estradas de Galicia, seis máis que no ano anterior.

Pero a crónica negra galega non só se escribiu dentro das fronteiras da Comunidade, xa que tamén encheron informacións finais como o de Matilde Muñoz, unha turista orixinaria de Ferrol que foi asasinada en xullo de 2025 na illa de Lombok, Indonesia.

Tamén Martiño Ramos Soto foi protagonista das páxinas de sucesos ao ser atopado na Habana, tras pasar ao redor de catro meses oculto na illa despois de que a Audiencia de Ourense o condenase a 13 anos e medio de cárcere por violacións repetidas a unha alumna menor de idade.

Fora das fronteiras galegas algún dos sucesos que máis chamaron a atención foron o do funicular de Lisboa, que deixou 16 mortos, e o grande incendio de Hong Kong nun complexo de vivendas, con máis de 150 falecidos.

Obituarios

En canto ao capítulo das despedidas, este 2025 foi o ano no que faleceron Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo, e tamén o concelleiro socialista lugués Pablo Permuy.

Ademais morreron neste ano os esconselleiros da Xunta Juan Piñeiro Permuy e Xesús Pérez Varela e o empresario José María Castellanos.

Entre os finados tamén hai tres expresidentes autonómicos socialistas: Guillermo Fernández Vara, Javier LambánFrancesc Antich.

E no ámbito internacional destaca o pasamento do expresidente do Uruguai, Pepe Mujica, da primatóloga británica Jane Goodall, do deseñador Giorgio Armani ou do arquitecto Frank Ghery.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade