Morre o papa Francisco
O Santo Padre faleceu este luns no Vaticano aos 88 anos
O papa será velado na capela da súa residencia, logo do rito de constatación da morte

O papa Francisco faleceu este luns ás 7:35 horas na súa residencia da Casa Santa Marta, anunciou nunha videomensaxe o camarlengo, o cardeal Kevin Joseph Farrel.
"Con profunda dor teño que anunciar que o papa Francisco morreu ás 7:35 horas de hoxe, o bispo de Roma volveu á casa do pai, a súa vida enteira estivo dedicada servizo do Señor e da súa Igrexa e ensinounos o valor do evanxeo con fidelidade, valor e amor universal e en maneira particular a favor dos máis pobres e marxinados", anunciou Farrel.
E continúa: "Con inmensa gratitude polo seu exemplo como discípulo do Señor Xesús recomendamos a alma do papa Francisco ao infinito amor misericordioso de Deus, un e trino".
No vídeo, gravado na capela da Casa Santa Marta tamén aparecen o secretario de Estado, o cardeal Pietro Parolin e o substituto da secretaria de Estado, o venezolano Edgar Peña Parra.
A derradeira Semana Santa
Francisco, que estivera ausente en todos os ritos da Semana Santa ao seguir convalecente tras a súa hospitalización, apareceu este domingo no balcón da loxa central da fachada da basílica de San Pedro para a bendición Urbi et orbi.
Despois percorreu a praza en papamóbil a pesar das súas condicións de saúde no que agora pode considerarse o seu último adeus aos fieis.
Francisco non participara en ningún dos ritos da Semana Santa debido a que segue recuperándose tras pasar 38 días no hospital por unha pneumonía bilateral e ser dado de alta o 23 de marzo.
O papa percorreu a praza de San Pedro en papamóbil durante varios minutos e mesmo detivo o vehículo para bendicir a algúns nenos, aínda que se lle notaba moi ausente e con dificultade nos movementos.
Durante a mañá, recibiu ao vicepresidente de Estados Unidos, JD Vance, na súa residencia de casa Santa Marta para un breve saúdo e intercambiar unha felicitación pola Pascua, informou a oficina de prensa do Vaticano.
12 anos de pontificado
Francisco, falecido aos 88 anos, foi o papa dos desfavorecidos durante os seus pouco máis de 12 anos de pontificado, nos que tentou cambiar os mecanismos dunha Igrexa demasiado centralizada na Curia romana, atallar os seus abusos e modificar a súa linguaxe para falar de misericordia e dos últimos.
Foi o primeiro papa non europeo e a primeiro xesuíta que resultou elixido o 13 de marzo de 2013, despois de que durante as reunións previas ao conclave convencese a unha maioría de cardeais cun discurso de cambio e de descentralización da Igrexa.
Aos fieis, este cardeal arxentino considerado dialogante e moderado, presentouse cun sinxelo "boas tardes" e engadiu: "Vese que os cardeais quixeron elixir o bispo de Roma na fin do mundo".
A Francisco tocoulle un pontificado anómalo tras a renuncia de Bieito XVI, con dous papas que conviviron durante case 10 anos no Vaticano, e, aínda que segundo Bergoglio a relación foi moi boa, nalgúns momentos sacou a relucir as dúas ás da Igrexa, a moderada e a máis conservadora e reaccionaria.
As campás de San Pedro do Vaticano tocan a morto por Francisco
As campás da basílica de San Pedro do Vaticano tocaron a morto no mediodía deste luns polo falecemento do papa Francisco
O lento tanxer das campás do templo vaticano foi escoitado por miles de peregrinos, fieis e turistas que abarrotan a praza da basílica.
O papa será velado na capela da súa residencia
O rito da constatación da morte do papa Francisco terá lugar esta noite de luns ás 20:00 horas locais na súa residencia da Casa Santa Marta, en cuxa capela será velado. Será só despois da constatación cando se comunicarán as causas da morte.
O mestre cerimonieiro do Vaticano, Diego Ravelli, informou nun comunicado que o féretro será velado na capela da súa residencia por disposición en vida do pontífice, xa que antes de Francisco isto facíase na capela do Palacio Apostólico.
O traslado do corpo á basílica vaticana para a homenaxe de todos os fieis será a partir do mércores. Os detalles sobre ese traslado e exposición daranse mañá, logo da primeira Congregación dos Cardeais, que se fará a primeira hora deste martes. Tamén eles deberán elixir as datas do funeral e o inicio do conclave.