O incendio de Larouco, o maior da historia de Galicia, mantense estabilizado
Este incendio queimou máis de 30.000 hectáreas nas provincias de Ourense e de Lugo
Estabilizar o incendio de Larouco, o maior da historia de Galicia desde que hai rexistros, levou once días.
"Foi un incendio moi rápido que afectou moitos lugares e houbo que atender moitos lugares", explicaba o director técnico de extinción de incendios Moisés Cervera.
O lume danou terras de Larouco e tamén dos concellos ourensáns do Barco, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín. Ademais traspasou a fronteira natural do río Sil e adentrouse no concello lugués de Quiroga ata aos límites da Serra do Courel, un espazo de alto valor ecolóxico.
Queimou en total unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas.
"Perdéusenos o monte, as montañas verdes e agora isto é unha desolación, todo negro, todo queimado", lamenta unha veciña.
Queimou monte e tamén casas. En San Vicente de Leira, no concello de Vilamartín, danou sesenta vivendas, 15 delas residencias habituais. A dor transcende desta aldea.
"Escoitar que en San Vicente xa non hai casas doe. Nós tivemos sempre moita relación, eles viñan e nós iamos", di un veciño da zona afectada na provincia de Lugo.
Aldeas que libraron das lapas tamén o pasaron moi mal ao se veren rodeadas polo lume e sen axuda nos primeiros momentos.
"Vímonos moi, moi apurados porque defendemos a aldea coas mangueiras da auga que temos. Non había nada máis", conta a veciña dun dos lugares cercados polas lapas.
O lume estabilizouse primeiro na parte de Ourense e logo na de Lugo e deuse por confinado no seu perímetro na mañá deste sábado.
Na súa extinción mobilizáronse, entre outros medios, 241 motobombas, 14 helicópteros, 15 avións e efectivos da UME.