Von der Leyen comunica que a firma do acordo con Mercosur posponse a xaneiro
Estaba previsto que puidera ser asinado o vindeiro sábado en Brasil, algo que non será posible polo bloqueo de Francia e Italia
Arquivo/REUTERS/Yves Herman
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, comunicou este xoves aos xefes de Estado e de Goberno reunidos nun cume en Bruxelas que a firma do acordo de libre comercio entre a UE e Mercosur finalmente non se asinará este sábado, senón que foi aprazado ao próximo xaneiro, polo bloqueo de Francia e Italia.
Así llelo trasladou durante a cea que os líderes dedicaron á xeoeconomía e competitividade da UE, segundo informaron fontes europeas a Europa Press, no curso dun Consello Europeo que non levaba este acordo na axenda, pero que as presións de Francia e Italia para atrasalo obrigaron a abordar.
A idea é deixalo para xaneiro para que Roma estude mellor o seu contido, polo que o pacto non se asinará en Brasil esta fin de semana, como estaba previsto, dixeron fontes diplomáticas.
O feito de pospoñer a firma sería aceptable para os países do Mercosur, indicaron as fontes, a pesar de que Brasil, que ostenta a presidencia rotativa do bloque latinoamericano, advertira de que "non haberá máis acordo" se non se asinaba esta fin de semana.
Unha fonte europea dixo que os países do Mercosur foran "informados" da decisión de non celebrar a votación mañá venres, como inicialmente estaba previsto.
A primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, dixera este xoves ao presidente brasileiro, Luiz Inácio Lula da Silva, que está "disposta" a asinar o acordo "tan pronto como se dean as respostas necesarias aos agricultores" e pediu ao mandatario brasileiro "uns días" para resolver se apoiará o pacto ante "problemas políticos cos agricultores" do seu país.
A precondición para a viaxe dos presidentes do Consello Europeo e da Comisión Europea a Brasil para a firma este sábado era que os gobernos desen o seu visto e prace por maioría cualificada (un 55 % de países que representen a un 65 % da poboación europea), case imposible dado o rexeitamento frontal de Francia e as dúbidas de última hora de Italia.