Habemus papam: o cardeal Prevost exercerá o seu pontificado co nome de León XIV
Papa León XIV: "Que o meu saúdo de paz chegue a toda a Terra"
León XIV saúda en español á súa antiga diocese de Chiclayo en Perú: máis de 150.000 persoas recibiron o novo papa na praza de San Pedro
A Conferencia Episcopal Española prevé un pontificado en liña co de Francisco e subliña as raíces españolas por vía materna do novo papa
Historia dos conclaves: ningunha designación tardou máis cinco días ou doce votacións
O cardeal estadounidense Robert Prevost, un misioneiro de Chicago, é o elixido. O papa número 267, considerado moi próximo a Francisco, levará durante o seu pontificado o nome de León XIV. Ten 69 anos, ascendencia española e foi misioneiro agostiño no Perú.
Saíu ao balcón ás 19:22 da tarde, en medio da expectación dos milleiros de persoas que agardaban na Praza do Vaticano. No inicio da súa intervención tivo especiais palabras de agradecemento ao seu antecesor: "Grazas ao papa Francisco".
O papa León XIV pediu axuda á xente para construír pontes de paz co obxectivo tamén de buscar a xustiza, convidou a facelo sen medo e dirixiu un saúdo de paz nas súas primeiras palabras desde o balcón da Praza de San Pedro.
Alí dixo que Deus ama a Humanidade incondicionalmente e animou a camiñar unidos, da man, coa premisa de que o mal non prevalecerá.
Emocionado ao saír ao balcón de San Pedro, León XIV engadiu que a paz debe ser humilde e perseverante.
León XIV saudou en español a súa antiga diocese de Chiclayo en Perú, e pediu: "Que o meu saúdo de paz chegue a toda a Terra".
"E se me permiten tamén, unha palabra, un saúdo a todos, en modo particular, á miña querida diocese de Chiclayo no Perú", proclamou.
Na súa intervencion lanzou tamén outra mensaxe aos asistentes: "Axudádenos tamén a construír pontes, buscando a xustiza e sen medo".
Entre os bispos galegos, sorpresa e satisfacción pola elección do cardeal Prevost, do que destacan a súa proximidade a Francisco.
A Conferencia Episcopal prevé un pontificado na liña do de Francisco
A Conferencia Episcopal Española prevé que o pontificado de Robert Prevost irá en liña co de Francisco.
"Acaba de ser nomeado, pero eu creo que, polo seu perfil biográfico, as primeiras palabras, se situou en liña co Papa Francisco e tamén recolle esa herdanza súa", sinalou o secretario xeral da Conferencia Episcopal Española, Francisco César García Magán.
García Magán destacou do novo Pontífice que ten un perfil moi poliédrico, moi rico, porque une o institucional co pastoral, o misioneiro: "Bebeu nesa fonte teolóxica de Santo Agostiño".
Así mesmo, lembrou que é o segundo Papa que vén de América Latina.
"Aínda que é dos Estados Unidos, é hispano-estadounidense por parte de nai é de orixe española", precisou García Magán, que detallou que León XIV manexa varias linguas e ten experiencia tamén de curia.
León é un dos nomes máis adoptados na historia papal. Os nomes máis usados polos papas desde Pedro foron, por esta orde, Xoán (23), Gregorio (16), Bieito (16), Clemente (14), León (13), Inocencio (13), Pío (12).
O fume branco
O cuarto fume do Conclave para elixir o sucesor de Francisco saíu branco ás 18:08 horas, o cal indica que xa foi elixido o novo Papa por maioría de polo menos 89 votos, no segundo día do Conclave. Será o 267 Pontífice da Igrexa Católica logo de catro votacións.
Miles de fieis esperaban expectantes na Praza de San Pedro cando se viu saír fume branco pola cheminea do Vaticano e se desatou a euforia, con aplausos, aclamacións e bágoas, e moitos inmortalizaron o momento cos seus teléfonos móbiles e outros ondearon as bandeiras dos seus países. Empezaron a soar as campás como parte do anuncio do Habemus papam.

Nestes 40 minutos que median entre o momento en que sae a fumaza branca e o momento en que se escoita o Habemus papam, o novo Papa entrou no cuarto das bágoas para vestirse e regresa á Capela Sixtina para celebrar unha pequena cerimonia cunha oración e unha pasaxe do Evanxeo.
Nesa cámara hai tres hábitos longos ou sotanas de cor branca de distinto tamaño en función da altura do elixido e catro vestimentas curtas tipo sobrepeliz, unha muceta ou esclavina de cor morada e unha estola púrpura con decoración dourada.
Tamén, se o desexa, pode escoller entre zapatos de distintos números, faixas, un cordón e unha cruz dourada, todo alí disposto.
A chegada do fume branco fixo que as campás de igrexas de todo o mundo, entre elas as da Catedral de Santiago de Compostela, anunciasen a chegada do novo pontífice.
Felicitacións
A Casa do Rei de España felicitou o cardeal estadounidense Robert Prevost e destacou o seu chamamento á paz desde o balcón central de San Pedro, que recolle o desexo e sentir profundos do pobo español.
Felicitamos al cardenal Prevost por su elección como nuevo pontífice, papa León XIV.
— Casa de S.M. el Rey (@CasaReal) May 8, 2025
Su llamamiento a la paz nos inspira, nos alienta y recoge el deseo y sentir profundos del pueblo español.
O presidente da Xunta Alfonso Rueda deu a benvida desde Galicia ao novo Papa León XIV trasladando os seus mellores desexos a Robert Francis Prevost.
Fumata branca no Vaticano. A Igrexa Católica ten novo Papa, León XIV. Desde Galicia, damos a benvida e os mellores desexos para Robert Francis Prevost, e para os millóns de persoas que hoxe viven este momento históricohttps://t.co/QwMHFnawct
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) May 8, 2025
O presidente do Goberno Pedro Sánchez felicitou o cardeal estadounidense Robert Prevost, elixido Papa número 267 da historia co nome de León XIV, e desexou que o seu pontificado contribúa a fortalecer o diálogo e a defensa dos dereitos humanos nun mundo que necesita esperanza e unidade.
Enhorabuena a toda la Iglesia Católica por la elección del nuevo Papa León XIV como @Pontifex_es.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) May 8, 2025
Que su pontificado contribuya a fortalecer el diálogo y la defensa de los derechos humanos en un mundo que necesita esperanza y unidad.
Pola súa banda, o presidente do país natal de León XIV, Donald Trump, considerou unha grande honra para o país que León XIV sexa o primeiro papa estadounidense e dixo estar a desexar reunirse con el.
"Parabén ao cardeal Robert Francis Prevost, que acaba de ser nomeado papa. É unha grande honra saber que é o primeiro papa estadounidense. Que emoción e que grande honra para o noso país. Estou a desexar reunirme co papa León XIV. Será un momento moi significativo!", indicou o mandatario na súa rede social, Truth Social.
Os presidentes da Comisión Europea, do Consello Europeo e da Eurocámara, Ursula Von der Leyen, Antònio Costa e Roberta Metsola, respectivamente, tamén se uniron ás felicitacións e mostraron a disposición da Unión Europea a colaborar estreitamente para afrontar os desafíos globais e construír pontes, unidade e paz.