O papa León XIV canoniza a Carlo Acutis, o primeiro santo milenial
Carlo Acutis, coñecido como o influencer de Deus, morreu en 2006, con 15 anos, a causa dunha leucemia
Tamén foi proclamado santo Pier Giorgio Frazzati, que faleceu aos 24 anos tras unha mocidade entregada aos máis pobres
Leon XIV dixo dos novos santos que son "unha invitación dirixida a todos nós, sobre todo aos mozos, a non malgastar a vida"

O papa León XIV canonizou este domingo, na praza de San Pedro, a Carlo Acutis, o coñecido como o influencer de Deus e que se converte no primeiro santo milenial, que faleceu por unha leucemia en 2006, con 15 anos.
Tamén foi proclamado santo Pier Giorgio Frassati, que faleceu aos 24 anos tras unha mocidade entregada aos máis pobres.
"Os santos Pier Giorgio Frazzati e Carlo Acutis son unha invitación dirixida a todos nós, sobre todo aos mozos, a non malgastar a vida, senón a orientala cara ao alto e facer dela unha obra mestra", dixo o pontífice durante a homilía dedicada aos novos santos.
Acutis ía ser canonizado o 27 de abril, con motivo do Xubileu dos Adolescentes, pero a cerimonia suspendeuse debido ao falecemento do papa Francisco. En concreto, a Igrexa atribúelle a curación de Valeria Valverde, unha moza costarriqueña de 21 anos que en xullo de 2022 sufriu un accidente de bicicleta que lle provocou un traumatismo cranioencefálico moi grave do que se recuperou tras estar en coma.
Acutis faleceu por unha leucemia en 2006, con 15 anos. Nado o 3 de maio de 1991 no seo dunha familia italiana en Londres, Acutis foi un adolescente con dúas paixóns: a fe e a informática. Un mozo sinxelo que utilizaba a tecnoloxía informática como ferramenta para a difusión dos valores cristiáns. Foi un mozo especialmente devoto, que "atopou a Xesús na súa familia, grazas aos seus pais", como mencionou o Papa.
O mozo foi canonizado xunto a Pier Giorgio Frassati, que ía ser proclamado santo no xubileu dedicado á mocidade. Pier Giorgio Frassati naceu en Turín en 1901 no seo dunha rica familia burguesa e que faleceu de forma inesperada o 4 de xullo de 1925, aos 24 anos, por unha poliomielite fulminante.
A pesar dos enfrontamentos co seu pai que lle recriminaba a súa "vagabundaxe" pola cidade entre persoas que non estaban á súa altura social, Pier Giorgio inscribiuse practicamente en todas as asociacións católicas existentes para os laicos, co fin de axudar aos máis pobres, aos que provía de todo: comida, roupa, madeira, carbón e mobles. "Para el, a fe non foi unha devoción privada".
"Impulsado pola forza do Evanxeo e a pertenza a asociacións eclesiásticas comprometeuse xenerosamente na sociedade, deu a súa contribución na vida política, desgastouse con ardor ao servizo dos pobres", manifestou o papa León XIV sobre o novo santo.
