Publicador de contidos

Publicador de contidos

O informe sobre o naufraxio do Villa de Pitanxo conclúe que navegaba sobrecargado e que o capitán ordenou evacuar tarde

O informe sobre o naufraxio do Villa de Pitanxo conclúe que navegaba sobrecargado e que o capitán ordenou evacuar tarde

A Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos detecta exceso de peso e modificacións non autorizadas nos tanques do buque

O organismo sinala que o capitán non valorou a tempo a gravidade da situación nin tomou medidas preventivas

A G24 tivo acceso ao informe que se publicará oficialmente este xoves

G24.gal 22/10/2025 19:57 Última actualización 22/10/2025 20:58

O Villa de Pitanxo afundiuse por sobrecarga e porque o capitán deu demasiado tarde a orde de abandonar o barco.

É a conclusión da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes Marítimos, a CIAIM, tres anos e medio despois do naufraxio do pesqueiro galego fronte ás costas de Terra Nova.

O organismo atribúe o acontecido a unha neglixencia do capitán, Juan Padín. Súa foi a decisión de seguir pescando a pesar do mal tempo, unha decisión que se tomara outras veces, pero que esta saíu mal.

O informe di que o barco se afundiu pola inundación progresiva e incontrolada dos seus espazos interiores durante a virada da arte en pleno temporal.

Contribuíu que o barco levaba uns pesos que excedían os valores recollidos no seu libro de estabilidade. Di que as previsións meteorolóxicas eran precisas, polo que non cabía a sorpresa.

Porén, non se asegurou o peche de todas as aberturas do casco nin o bo funcionamento dos medios de achique. Por último, o CIAIM conclúe que cando o capitán ordenou a evacuación, xa era demasiado tarde: os mariñeiros non tiveron tempo de chegar aos traxes de inmersión nin ás balsas cos chalecos salvavidas.

"A pesar de que esta (situación) se ía complicando progresivamente, (había problemas no parque de pesca, a escora ía aumentando, o buque íase asolagando), o capitán non ordenou medidas para preparar o abandono do buque por se fose necesario porque non valorou correctamente a situación de risco á que se enfrontaba", indica a CIAIM.

A tardanza fixo que unha balsa resultase danada e acelerou a hipotermia da maioría dos falecidos.

Aquel día morreron 21 mariñeiros: de 12 non se recuperaron os corpos.

"O buque non se perdeu como consecuencia da parada do motor principal, senón que, pola contra, dita parada foi consecuencia do accidente. A excesiva escora do buque orixinou que as bombas de lubricación se descebaran provocando a parada do motor por baixa presión de aceite de lubricación ou por gripaxe. Cando o motor principal parou, a inundación do buque estaba moi avanzada e o afundimento era inevitable", destaca a CIAIM,

Deste xeito corrobora a versión dun dos sobreviventes, Samuel Kwesi, que dicía que o motor parou cando o buque xa estaba cheo de auga, fronte ás declaracións de Padín e o seu sobriño, Eduardo Rial, que defendían que a parada do motor provocou o naufraxio.

Tamén explica que o buque non se afundiu unicamente polas tensións que os cables da arte de arrastre exercían sobre as pastecas.

"A percepción dos tripulantes de que os cables de arrastre eran a causa principal da escora a babor era errónea e; aínda que se puideron soltar os cables nos últimos minutos antes do abandono, o buque non recuperaría o adrizamento, a inundación seguiría progresando e o buque afundiuse", recolle o informe

Por outra banda, a CIAIM pon de manifesto que a maneira na que se produciu o abandono do buque contribuíu ao elevado número de vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade