León XIV fai 70 anos e celebra o primeiro dos seus aniversarios no pontificado
Agradeceu os rezos ante unha multitude con notable presenza peruana
León XIV cumpre este domingo 70 anos e celebra o primeiro dos seus aniversarios á fronte da Igrexa católica e do Vaticano. O pontífice apareceu no rezo do Ángelus ante os fieis, que non deixaron de felicitalo.
Trátase do Papa máis novo desde hai tres décadas, desde tempos de Xoán Paulo II, que foi elixido en 1978 con 58 anos, e que alcanzou a idade de León XIV en 1990.
"Queridísimos, parece que sabedes que hoxe cumpro 70 anos", admitiu o pontífice con ton divertido, xa que desde a xanela do Palacio Apostólico podía ver as moitas pancartas coas que os fieis lle desexaban uns felices aniversarios desde abaixo, desde a praza vaticana.
"Dou as grazas ao Señor, aos meus pais e agradezo a todos os que se acordaron na oración", declarou o pontífice, mentres unha banda entoaba desde a rúa o "Feliz aniversario".
Rovert Francis Prevost naceu o 14 de setembro de 1955 na cidade estadounidense de Chicago, do matrimonio entre Louis, de orixes francesas e italianas, e Mildred, españolas, aínda que tamén conta con nacionalidade peruana polos seus moitos anos na misión.
Por tradición, no Vaticano non se celebra o aniversario, senón o santo, pero os papas anteriores tiñan un día especial coa felicitación de familia, colaboradores ou mesmo participantes nas audiencias.
Os nenos ingresados no hospital Bambino Gesú fixéronlle chegar algúns debuxos nos que o representan con bandeiras da paz, unha das cuestións clave no seu maxisterio.
O pontífice estadounidense recibiu a felicitación de figuras do poder eclesiástico e político de Italia, que lle agradeceron os seus chamamentos pola paz.
O presidente da República, Sergio Mattarella, apreciou por carta o seu "enérxico chamamento" por unha "paz desarmada e desarmante" desde o momento da súa elección, o día 8 de maio.
"Nestes últimos anos creceu o temor de que o mundo se encamiña por unha pendente perigosa impulsado por unha lóxica xeneralizada de dominación e cada vez máis marcado por conflitos desgarradores", lamenta o xefe do Estado italiano.