Xa está en Galicia un dos nenos inmigrantes que o Goberno trasladará á comunidade
Lugo acollerá 15 menores solicitantes de asilo que o Goberno central debe trasladar desde as Canarias por orde do Tribunal Supremo
Arquivo
A ministra de Xuventude e Infancia, Sira Rego, confirmou que un dos 317 menores inmigrantes que o Goberno planificou trasladar a Galicia desde Canarias e Ceuta, en base ao Real Decreto aprobado en agosto, xa foi desprazado á comunidade.
Así o trasladou en resposta ás preguntas dos medios tras unha reunión con membros do Concello de Santiago este mércores. Ademais, nesta xornada sóubose que a cidade de Lugo acollerá un grupo de 15 menores solicitantes de asilo, que o Goberno central debe trasladar -tamén desde as Canarias- por orde do Tribunal Supremo.
Ao preguntarlle polo lugar en que se aloxarán estes 15 menores migrantes, Rego apuntou, de maneira xeral, que “non toca dicir exactamente onde”: “O que toca é ter un sistema de acollida, e houbo tempo”.
As derivacións de menores solicitantes de asilo prodúcense como resposta ao auto do Tribunal Supremo, que en marzo pediu ao Executivo que se fixese cargo cos seus medios duns 1.000 nenos nesta situación.
En relación cos 317 rapaces migrantes que deben ir chegando a Galicia en base ao Real Decreto, Rego asegurou que o desprazamento se está realizando de forma “sensata e equilibrada” para “non saturar ningún sistema de acollida e dar tempo á adaptación”.
“Iremos vendo de aquí a marzo cales son as realidades destes nenos”, apuntou a ministra. Neste sentido, un panel de persoas relacionadas cos servizos sociais encárgase de avaliar a situación específica de cada neno e nena para garantir que a acollida se dea “nas mellores condicións”.