Aumentan os delitos cometidos por menores a través das redes sociais
Cando alguén comete un delito debe cumprir unha pena, pero esta obviedade disípase algo cando o infractor é un menor
A partir dos 14 anos o neno responde polos delitos tipificados no Código penal
A responsabilidade civil recae sempre nos pais ou titores legais
Case 600 menores, 588, foron condenados por diferentes delitos en Galicia no 2024, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Supón un incremento do 27,2 por cento. E entre os que máis aumentan son os cometidos a través das redes sociais.
Desde os 14 anos o neno responde polos delitos tipificados no Código penal.
"Hai un conxunto de medidas que pode ser o internamento en réxime pechado nun centro, en réxime semiaberto, que pode saír unhas horas ao seu domicilio..., poden ser traballos en beneficio da comunidade...", di o avogado, Evaristo Nogueira.
Un neno menor de 14 anos nunca sentará diante dun xuíz.
"O tema sería a nivel dos Servizos Sociais, digamos", afirma Nogueira.
E sexa cal sexa a idade do menor, calquera tipo de responsabilidade patrimonial vai recaer sempre nos pais ou titores legais.
"Os pais respondemos das accións ou omisións que cometen os nosos fillos cando teñen menos de 18 anos", apunta o avogado.
Oito anos de internamento nun centro é a pena máxima que se pode aplicar a un menor por un delito grave como o homicidio.
"Cando alguén di que un neno de 14 anos que cometeu un delito vai a 15 anos. Non pode ser, non debemos esquecer, no ordenamento penal en xeral, pero en particular na lei penal do menor, unha das funcións principais é a reeducación e a rehabilitación do menor que comete o delito, non nos podemos esquecer diso", conclúe Evaristo Nogueira.