A Fiscalía de Ourense denuncia polo penal os ruídos de locais nocturnos da zona vella
A denuncia vai contra os responsables de catro establecementos, o alcalde de Ourense e un técnico municipal
Despois de oito anos de denuncias por mor do ruído nocturno en varios locais da zona vella de Ourense, a asociación veciñal O Cimborrio celebra que a Fiscalía provincial tome partido neste conflito con catro denuncias pola vía penal a varios locais desta zona por contaminación acústica.
En todo este tempo, as denuncias levadas a cabo por particulares e dende a propia asociación acabaron en nada, salvo nunha suposta multa económica a un local nocturno. Denuncian presuntas ilegalidades nalgúns establecementos, como mala insonorización, non respectar os horarios nocturnos ou un mal uso das licenzas.
Denuncias, pero tamén informes que levan recompilando dende hai oito anos. Entre eles, informes médicos de varios veciños e documentos gráficos coma estas imaxes gravadas en plena noite.
Nas súas denuncias, a Fiscalía tamén inclúe o alcalde de Ourense e un técnico municipal, ao entender que en todo este tempo coñecían e consentiron esta situación. De momento, dende o consistorio non quixeron facer declaración ningunha ao respecto.