Detido un home na Coruña que se tirou pola fiestra tras agredir a súa parella
O presunto agresor foi trasladado a un centro hospitalario onde permanece ingresado baixo custodia policial
Cando se recupere das súas lesións pasará a disposición xudicial como suposto autor dun delito de violencia machista
A Policía Nacional detivo un home que presuntamente agrediu á súa parella na Coruña para despois tirarse por unha fiestra da vivenda. Os feitos ocorreron á primeira hora da mañá deste mércores nunha vivenda situada na avenida A Gramela, no barrio de Agra do Orzán.
Tras a agresión, o home lanzouse desde unha fiestra situada nunha primeira planta e tivo que ser atendido polos servizos de emerxencia.
O presunto agresor foi trasladado en ambulancia a un centro hospitalario onde permanece ingresado baixo custodia policial ata que se recupere das súas lesións. Despois pasará a disposición xudicial como suposto autor dun delito de violencia machista, segundo fontes do 091.
Algunhas fontes apuntan que a muller estaba embarazada, e aínda que non presentaba lesións de gravidade, foi tamén trasladada ao hospital para unha revisión en maior profundidade.
Ata o punto desprazáronse axentes da Policía Nacional que finalmente detiveron o home e fixéronse cargo da investigación.