Declara o acusado de tentar matar a súa exparella cunha lanza feita á man
O home negou os feitos dicindo que se el a tocase, faríalle algo máis do que lle aconteceu
A muller estivo dez días ingresada en estado grave no Álvaro Cunqueiro recuperándose das feridas
Ela tamén declarou este martes de maneira presencial na Audicencia Provincial de Pontevedra
O acusado foi o primeiro en declarar. Asegurou que ese 15 de xuño de 2025 só se achegara á casa da súa exparella, coa que estivera trinta anos e coa que compartía tres fillos en común, para reclamarlle uns cartos.
Ese 15 de xuño de hai un ano, este home achegouse á casa da vítima cunha mochila en que levaba un obxecto punzante tipo lanza. Tamén, e segundo o escrito da fiscalía, atoparon unha pata de cabra e un bote de gasolina.
A muller declarou en sala a escasos metros do seu suposto agresor, separada del por un biombo. Asegurou que intentara entrar na súa casa, onde estaba coa súa nora e a súa neta dun mes, que forcexaran fóra da casa e que el lle cravara esta lanza artesanal nun costado e nun brazo. Dixo que acabara inconsciente no chan tras recibir un golpe na cabeza coa pata de cabra. El negou os feitos.
A muller pasou dez días ingresada no hospital de Vigo recuperándose das graves feridas. Quince días antes denunciárao por graves ameazas. O acusado levaba xa un ano en prisión provisional por estes feitos. Previamente xa estivera no cárcere por un delito de homicidio. Piden para el catorce anos e medio de cadea. O xuízo continuará o sete de xullo con máis testificias e as conclusións finais.