Conta atrás para a noite máxica das cacharelas
As praias de Riazor e Orzán énchense de cuadrillas que reservan parcelas para celebrar o San Xoán
Un milleiro de efectivos de seguridade velarán para que a noite meiga transcorra sen incidencias
Todo listo tamén en Panxón, con dúas grandes fogueiras
Abundancia de sardiñas e prezos por riba de dez euros para san Xoán
Cuadrillas de mozos invaden os areais de Riazor e Orzán agardando pola celebración da noite meiga.
"Viñemos máis veces, pero esta é a primeira vez que temos parcela". "Pásase ben. Hai bo ambiente".
Moitos levan aquí máis de 35 horas. Había que elixir e reservar a mellor parcela.
Un ambiente marcado pola convivencia e a expectación ante unha noite, a máis curta do ano, que combina tradición, música, xuntanzas cos amigos, e gastronomía.
"Cearemos algo, aínda non sabemos que. Despois faremos unha cacharela e estaremos aquí cos amigos".
A que non pode faltar na noite meiga é a sardiña. No mercado da Praza de Lugo, na Coruña, oscilaba entre os oito e os doce euros o quilo.
"Houbo cantidade porque estiveron toda a noite pescando". "Busquei a grande, de calidade, e nin preguntei o prezo". "Se vés hoxe aquí, tés que pagar o que te pidan". "Hoxe a sardiña non pode faltar. É o típico do San Xoán".
Na Coruña, durante o San Xoán, festa declarada de Interese Turístico Internacional, máis dun milleiro de persoas entre policías, bombeiros, voluntarios de Protección Civil e servizos sanitarios van contribuír e axudar a que esta noite sexa unha noite de festa pero, sobre todo, segura.
Todo preparado tamén en Nigrán
No sur, o areal de referencia do San Xoán é Panxón. Aquí só están permitidas dúas grandes fogueiras que se estiveron a preparar nas últimas horas. A celebración abranguerá toda a zona porque son as festas patronais e ademais de lume e sardiñas hai atraccións, verbena e moitas ganas de pasalo ben. Coa noite que se prevé, dende a organización prevén unha gran asistencia.
As cacharelas chegan nesta xornada a todos os recunchos de Galicia. Non todo é chegar e encher. Detrás dunha noite de San Xoán hai moito traballo previo. Nun local de Teo, por exemplo, está previsto que se congreguen ao redor de 600 persoas, e levan varios días sen descanso para que a noite sexa perfecta.
O goberno galego pide máxima precaución coa celebración das cacharelas, sobre todo nas zonas rurais.