O lume espanta as meigas nunha noite máxica con case 400 incidencias en Galicia
Na Coruña houbo 200.000 persoas; a falla estivo dedicada este ano á eclipse do 12 de agosto
O risco extremo de incendios forestais obrigou a suspender a queima das cacharelas en boa parte da provincia de Ourense
Galicia rexistra máis de 370 incidencias, con varias persoas feridas por queimaduras; 28 das persoas que foron atendidas necesitaron ser trasladadas en ambulancia
O G da Galega chegou por san Xoán para quedar no ceo nocturno da Coruña
A central do 112 Galicia xestionou máis de 370 incidencias e 1.427 chamadas na noite de san Xoán, entre as 20:00 horas do martes e as 06:00 horas deste mércores. Varias persoas resultaron feridas por queimaduras nas fogueiras.
Marcos Araújo, xerente da AXEGA, aseguraba este mércores nunha entrevista na Radio Galega que "foi unha noite movida pero non houbo incidencias graves".
Recibiron 1427 chamadas e actuaron en 374 incidencias. Case 200 na provincia da Coruña. Chamoulles a atención que houbo "bastantes desmaios pola noite" e non saben se foi pola calor, coa combinación do alcol.
Así, un total de 374 incidencias foron por motivos sanitarios, cuestións de seguridade cidadá, incendio, accidentes de circulación e operativos de rescate.
Nese sentido, 161 intervencións estiveron relacionadas coa asistencia sanitaria: intoxicacións etílicas, desmaios e queimaduras producidas en fogueiras.
Os corpos e forzas de seguridade actuaron en 67 incidentes por pelexas, agresións, así como por persoas con comportamentos agresivos ou alterados.
Tamén, segundo a información do 112 Galicia, foron numerosas as incidencias relacionadas con fogueiras descontroladas, incendios en contedores ou situacións parecidas. Todos os casos foron resoltos sen consecuencias de especial relevancia.
A Coruña, a provincia con máis incidencias
Por provincias, a da Coruña foi a que máis número de incidencias rexistrou (194); seguida da de Pontevedra (121); Lugo (38) e Ourense (20).
A Coruña tamén é o concello máis afectado con 72 incidencias; o de Vigo (27); Lugo (18); Santiago de Compostela (8); e Ourense (7).
Queimaduras en fogueiras
As actuacións máis notables nesta noite festiva foron as intervencións sanitarias por queimaduras sufridas en fogueiras. 28 das persoas que foron atendidas necesitaron ser trasladadas en ambulancia.
Sobre as 00:17 horas deste mércores unha persoa menor resultou ferida tras caer nunha fogueira na Coruña, polo que sufriu queimaduras nunha man e unha perna.
Outro dos sucesos produciuse en Arteixo, ás 01:35 horas, cando unha persoa tivo que ser trasladada ao CHUAC tras caer nunha fogueira e sufrir queimaduras.
Así mesmo, minutos antes das 04:30 horas, unha muller tivo que ser atendida polos profesionais sanitarios na Coruña tras caer nunha fogueira e non ser quen de camiñar.
Sen incidentes de gravidade especial
Varias das actuacións tiveron que ver con fogueiras descontroladas e necesitaron a intervención dos servizos de emerxencias, con avisos nos concellos de Noia, Arteixo ou Rianxo. Con todo, ningún destes incidentes derivou nunha situación de gravidade nin consecuencias relevantes.
A central do 112 Galicia subliñou que, en xeral, a noite de San Xoán se desenvolveu dentro dos parámetros habituais para unha celebración destas características, sen que se rexistrasen incidentes de especial gravidade.
200.000 persoas no san Xoán da Coruña
O lume volveu espantar as meigas nunha noite máxica de san Xoán na Coruña que congregou a 200.000 persoas. Un ano máis A Coruña volveu a superar os seus rexistros na súa festa máis importante do ano, esta vez con 200.000 persoas, a metade nas praias e a outra metade nos barrios, segundo explican a EFE fontes municipais.
A celebración tradicional nos barrios cada vez gana máis peso mentres son os máis novos os que optan polos areais, que empezan a arder a medianoite. Fano á vez que a falla, que nesta ocasión estivo dedicada á eclipse do 12 de agosto, como tema central, aínda que con detalles das galerías da cidade, do Obelisco, do Millennium, o concello, os cruceiros, Breogán, os equipos da cidade que lograron grandes resultados -o Deportivo, o Básquet Coruña, o Liceo e o Maristas- e, como sempre, a heroína local: María Pita.
A zona da rúa San Xoán empezou a recibir xente desde primeira hora e, como sempre, volveu encherse ata que era case imposible transitala. Música, sardiñas, churrasco e bebida por toda a cidade, en cada achega, con máis dun milleiro de fogueiras preparadas para a noite. Así ata a medianoite, cando chegou san Xoán, a noite máis curta do ano, pero tamén a máis longa, porque é a que ten máis festa.
Cando ardeu a falla na Coruña fíxoo tamén outra en Bastiagueiro, no municipio veciño de Oleiros, onde queimaron as figuras do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu. Foi xusto antes dos fogos artificiais, que nesta ocasión na Coruña saíron desde diferentes puntos, nun espectáculo de 360 graos.
Pasadas as doce, A Coruña esperaba a que baixase o lume das fogueiras para saltalas varias veces e espantar as meigas.
Cacharelas suspendidas en parte da provincia de Ourense polo risco de incendio pola calor
A noite de san Xoán chegou marcada pola vaga de calor que durante varios días elevou os termómetros ata preto dos 40 graos en numerosos puntos do país, obrigando concellos e servizos de emerxencia a extremar as medidas de prevención sen renunciar a unha celebración fondamente arraigada en Galicia.
De feito, o risco extremo de incendios forestais obrigou a suspender a queima das cacharelas en parte da provincia de Ourense.
Ao caer o sol, milleiros de persoas comezaron a reunirse arredor das cacharelas, das sardiñadas e das festas populares en vilas e cidades.
O cheiro a sardiñas asadas mesturábase co da leña preparada durante días para unha celebración que simboliza a chegada do verán.
Un ano máis, as tradicionais fogueiras volveron iluminar prazas, praias e barrios enteiros, mentres moitos galegos repiten os ritos ancestrais de saltar o lume, recoller as herbas de San Xoán ou preparar a queimada.
En Vigo, onde estaban autorizadas máis dunha vintena de fogueiras organizadas por asociacións veciñais e culturais, as autoridades mantiveron unha especial vixilancia debido ao elevado risco de incendios provocado polas altas temperaturas e a seca acumulada. Só as fogueiras autorizadas puideron celebrarse, baixo estritas condicións de seguridade.
Tamén na provincia de Lugo a festa estivo condicionada pola calor extrema. Os expertos advertiron durante toda a xornada da necesidade de reducir o tamaño das cacharelas e extremar as precaucións para evitar incidentes. A pesar diso, a tradición mantívose viva tanto nos barrios urbanos como nas aldeas, onde as fogueiras continuan sendo o centro da celebración.
Na comarca de Arousa, Salnés, Pontevedra e O Morrazo, centenares de fogueiras iluminaron a noite nun ambiente festivo que incluíron concertos e verbenas como a de San Xoán de Poio.
A pesar das elevadas temperaturas rexistradas durante o día, a chegada da noite trouxo un lixeiro alivio que permitíu desenvolver os festexos con relativa normalidade.