Deteñen un home por acoitelar a exmuller en Ourense, que permanece hospitalizada
A vítima, cuxa vida non corre perigo, foi trasladada con cortes nos brazos, un pulso fracturado e un golpe na cabeza
A Policía Nacional detivo un home este mércores en Ourense logo de que acoitelara a exmuller nunha vivenda do barrio de San Francisco. Os feitos investíganse como acto de violencia machista.
A agresión produciuse na rúa Monte Seixo contra as sete e media da mañá, no interior dunha vivenda e no portal.
A vítima estaba acompañada dos seus dous fillos menores que ten en común co agresor e dispoñíase a saír do portal cando se topou con el, que a atacou cunha arma branca. Enseguida deuse aviso do ocorrido aos servizos de emerxencia, que chegaron ao lugar en poucos minutos.
A muller, nacida en 2003, tivo que ser trasladada ao hospital, pero non se teme pola súa vida, aínda que presentaba cortes nos brazos, un pulso fracturado e un golpe na cabeza.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, sinalou que a unidade especializada nestes casos de Atención á Familia e a Muller (UFAM) fíxose cargo da investigación.
Ademais informou de que contra o home non había denuncias previas por violencia de xénero e que a vítima non constaba no sistema Viogen.
Os dous fillos da vítima non sufriron ningún dano, e quedaron ao coidado dun familiar.