Prisión para seis persoas que asaltaron un hotel en Sanxenxo tras facerse pasar por gardas civís
A banda operaba en toda España e atribúenselle roubos en entidades bancarias e unha xoiería
O nexo de unión da investigación foi a utilización dunha pinza hidráulica para acceder ás sucursais e arrincar as ancoraxes das caixas
Un total de seis persoas ingresaron en prisión provisional tras cometer varios roubos en diversos puntos do territorio nacional. Un deles nun hotel de Sanxenxo onde se fixeron pasar por gardas civís.
Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, a investigación comezou en marzo de 2025 despois rexistrarse un asalto no Hotel Pinar, no municipio pontevedrés.
A finais do mesmo ano, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado detectaron un incremento de roubos en entidades bancarias da provincia de Madrid e en provincias limítrofes.
Policía Nacional e Garda Civil realizaron unha primeira análise e obtiveron información sobre un posible grupo criminal asentado no sur de Madrid, que subtraía vehículos de alta gama en diferentes localidades da provincia e lles cambiaba as placas de matrícula.
Tras modificalas, a banda desprazábase a pequenas localidades da xeografía española e durante a madrugada, inutilizaban as medidas de seguridade das entidades bancarias, chegando a cortar o cableado ou a utilizar inhibidores de frecuencia.
Unha vez no interior da entidade bancaria, usaban ferramentas especializadas coas que desencaixaban a caixa forte, para introducila no vehículo previamente subtraído e fuxir do lugar rapidamente. Deste xeito, chegaron a subtraer 132.000 euros nunha soa noite.
Nove rexistros en Madrid, Barcelona e Toledo
Na operación, os axentes actuantes levaron a cabo nove rexistros nas provincias de Madrid, Barcelona e Toledo e detiveron os seis integrantes que formaban o grupo criminal.
Ademais, interviñeron dúas armas de fogo curtas, catro armas simuladas, dúas armas longas, unha caixa forte dun dos bancos, unha ferramenta hidráulica para a apertura forzada, varios chalecos de Garda Civil e Policía Nacional, chalecos antibalas, un detector de baliza, inhibidores, grillóns, unha troqueladora de placas de matrícula, xogos de placas de matrícula falsas, chaves e utensilios para a substracción de vehículos, oitos vehículos de alta gama, catro vehículos substraídos, 26.000 euros en efectivo, así como nove reloxos de alta gama e diversas xoias.
Por todo iso, atribúenlle roubos en entidades bancarias en Perales de Tajuña, Torrelaguna, Cobeña, e Bustarviejo (Madrid), Oropesa (Toledo), Quismondo (Toledo), El Casar (Guadalaxara), un roubo nunha xoiería en Alacant, un roubo con violencia nun hotel en Sanxenxo, así como o roubo de seis vehículos de motor e numerosos furtos de placas de matrícula en Madrid e Granada.
Aos seis detidos impútanselles pertenza a grupo criminal, roubo con violencia e intimidación, tenencia ilícita de armas, falsidade documental, branqueo de capitais, roubo con forza, roubo de vehículos, usurpación de funcións e un delito contra a seguridade viaria, sumando en total 25 feitos delituosos.
Na investigación policial participaron unidades das Comandancias da Garda Civil de Madrid e Pontevedra, así como a Brigada Provincial de Policía Xudicial da Policía Nacional de Madrid.