Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta mantén activadas alertas por calor e treboadas, pero sen zonas en nivel vermello de risco

A Xunta mantén activadas alertas por calor e treboadas, pero sen zonas en nivel vermello de risco

Alerta laranxa por treboadas e chuvias no centro e sur de Lugo

Recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas alagadas ou que poidan chegar a alagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos

 Suspendida a actividade federada e do programa Xogade ao aire libre, salvo os deportes náuticos e acuáticos federados nas zonas afectadas pola alerta laranxa

A vaga de calor comeza a remitir este mércores coa entrada de aire atlántico

A comarca da Mariña é unha das que mantén o nivel laranxa (TVG) A comarca da Mariña é unha das que mantén o nivel laranxa (TVG)
G24.gal 24/06/2026 11:55

 A Xunta mantén activadas as alertas por episodio de calor, pero desde este mércores non hai ningunha zona en nivel vermello de risco, segundo os datos de MeteoSalud e Meteogalicia. Aemet activou para esta tarde a alerta laranxa por tormentas e choivas no centro e sur de Lugo.

A Xunta indicou nun comunicado que, ante as fortes choivas recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas alagadas ou que poidan chegar a alagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Desta forma, segundo informou o Executivo galego nun comunicado, o nivel laranxa (2) afecta as zonas isoclimáticas da Mariña lucense, centro de Lugo, montaña de Lugo e Valdeorras.

Pola súa banda, o nivel amarelo (1) estará activo nas zonas do noroeste e interior da Coruña, sur de Lugo, noroeste de Ourense, Miño de Ourense, sur de Ourense, montaña de Ourense e interior de Pontevedra.

Meteogalicia informa de que, a partir deste mércores, a masa de aire cálido comezará a retirarse progresivamente e remarca que o martes foi a xornada coas temperaturas máis elevadas deste episodio.

No ámbito deportivo, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, suspendeu a actividade federada e do programa Xogade ao aire libre, salvo os deportes náuticos e acuáticos federados, entre as 12.00 e as 17.00 horas deste mércores nas zonas afectadas pola alerta laranxa: montaña, centro e A Mariña, na provincia de Lugo, e Valdeorras, na de Ourense.

A Consellería de Sanidade lembrou que a exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareos, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncopes, deshidratación, insolación e golpes de calor.

Por iso, insistiu na necesidade de extremar as precaucións entre os colectivos máis vulnerables, entre eles as persoas maiores de 65 anos, os menores de catro anos, especialmente os menores dun ano, as persoas con patoloxías crónicas e quen desenvolve actividades laborais ou deportivas ao aire libre.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade