A actriz Elisa Mouliaá declara que non quixo calumniar a Errejón nin fuxir da xustiza
Nun comunicado emitido este mércores a actriz explica que decidiu regresar voluntariamente a España para poñerse á disposición xudicial e declarar persoalmente
Mouliaá mantén "a súa convicción de que actuou amparada polo seu dereito a expresar opinións sobre feitos que consideraba relevantes para o debate público"
Errejón pide ao xuíz que impoña comparecencias quincenais no xulgado a Mouliaá
A actriz Elisa Mouliaá negou ante o xuíz Arturo Zamarriego que quixese calumniar o exportavoz de Sumar Íñigo Errejón, que presentou unha querela contra ela por dicir que el extorsionou a testemuñas na causa na que o político está acusado de agredila sexualmente.
Igualmente Mouliaá asegurou que non tiña intención de subtraerse á actuación xudicial do maxistrado, que ordenou a semana pasada a súa detención tras non comparecer o día 15 por terceira vez para declarar nesta causa.
A actriz alegou nas dúas primeiras ocasións que estaba de baixa e que non debía coincidir con Íñigo Errejón no Xulgado e na terceira citación, o día 15, comunicou que estaba a traballar en Emiratos Árabes.
Finalmente, Elisa Mouliaá presentouse voluntariamente na mañá deste mércores no Xulgado de Instrución número 9 de Madrid para declarar pola querela por supostas calumnias a Errejón, cuxa avogada pediu ao xuíz que a obrigue a comparecer cada quince días na sede xudicial ao considerar que tivo unha actitude de obstrución á Xustiza.
Á súa saída da sede dos xulgados de Madrid Elisa Mouliaá explicou que decidiu acudir "de forma voluntaria", para o que dixo que tivo que cancelar un contrato de traballo, e lamentou o, ao seu xuízo, "trato tan desproporcionado" que sufriu tras acreditar unha baixa médica e unha viaxe de traballo e insistiu en que nunca quixo obstruir a acción da xustiza.
"Á fin e ao cabo esta querela é por poñer dous chíos en que acusaba a Errejón de amañar a declaración de dúas testemuñas" -na causa pola suposta agresión sexual- porque nese momento eu pensaba que foi así", manifestou. E abundou: "Vin un vídeo da declaración dunha testemuña dicindo que estivera falando con Errejón e que lle preguntara cal era o plan". Pero recoñeceu que se podía confundir.
Mouliaá estimou que está a ser vítima de "unha persecución" por denunciar "a unha persoa con poder" e aclarou en referencia a Errejón: "Eu non esnaquicei a carreira de ninguén, el dimitiu antes de que eu falase por unhas denuncias previas e o único que fixen foi protexer as mulleres e facer o ben común por deber moral".
Por iso insistiu en que é obxecto dunha investigación ao seu xuízo desproporcionada. "É un castigo á vítima por denunciar ao sistema e a un poderoso, o que supón a domesticación ao cabo das mulleres para que non denuncien aos seus acosadores, para que nos quedemos na casa caladas, para que teñamos medo e para que non salgamos á palestra", dixo.
"E non me presentei ata hoxe como non se presentou tampouco o noivo de Ayuso, ao que lle aprazaron a declaración máis de catro veces", puxo como exemplo. En todo caso dixo que pediu desculpas ao xuíz por non comparecer os días nos que foi citada.
Errejón pide ao xuíz que impoña comparecencias quincenais no xulgado a Mouliaá
O exportavoz paralamentario de Sumar Íñigo Errejón solicitou ao xuíz que impoña á actriz Elisa Mouliaá a obrigación de comparecer cada quince días no xulgado que a investiga por presuntas calumnias ao expolítico, ao considerar que tivo unha actitude de obstrución á Xustiza. A
Ao termo da declaración de Mouliaá, a avogada de Errejón solicitou ao xuíz que adopte para ela medidas cautelares, en concreto comparecencias quincenais no xulgado para asegurar a súa presenza no procedemento para futuras notificacións e ante o risco de que volva a non comparecer a chamamentos procesuais, informan a EFE fontes xurídicas. O maxistrado agora debe ditar un auto no que dea resposta á petición do exportavoz.