Os empresarios galegos levan a Bruxelas as reclamacións sobre o corredor atlántico
Xunto as patronais asturiana e castelán leonesa, ven fundamental este proxecto, que deberá unir a fachada atlántica co centro e co norte de Europa
Os empresarios galegos levan ata Bruxelas as reclamacións sobre o corredor atlántico. As confederacións de empresarios de Galicia, Asturias e Castela e León trasladáronlle ao coordinador europeo a necesidade de rematar canto antes esta infraestrutura.
Reclaman "axilidade" para un proxecto que ven vital, a rede de comunicacións que deberá unir a fachada atlántica co centro e co norte de Europa, sobre todo para promover o transporte de mercadorías.
Segundo trasladaron as organizacións empresariais, resulta "clave" acelerar a execución do Corredor Atlántico co fin de reforzar a cohesión territorial, mellorar a competitividade das empresas e favorecer a conexión do noroeste de España cos principais mercados europeos.
Neste sentido, subliñaron que dispoñer dun sistema de infraestruturas moderno, eficiente e intermodal é unha condición "imprescindible" para o desenvolvemento económico e social de territorios periféricos dentro da Unión Europea, á vez que reclamaron unha aposta decidida pola vertebración do noroeste peninsular e a redución dos déficits históricos en transporte.
Entre as prioridades expostas figura o impulso e a axilización do Corredor Atlántico ferroviario de mercancías, co financiamento e execución das actuacións previstas na Rede Transeuropea de Transporte (TEN-T), así como unha maior participación do tecido empresarial no deseño e seguimento dos plans de desenvolvemento.
Así mesmo, as entidades insistiron na necesidade de garantir conexións ferroviarias competitivas tanto para mercancías como para viaxantes, completar as actuacións pendentes e avanzar na interoperabilidade para integrar plenamente ao noroeste nas redes europeas de transporte.
En particular, reclamaron o impulso de conexións ferroviarias estratéxicas, a mellora dos nodos loxísticos e a conexión efectiva dos principais portos coa rede ferroviaria.