Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os empresarios do noroeste reclaman avances concretos nas obras do Corredor Atlántico

Os empresarios do noroeste reclaman avances concretos nas obras do Corredor Atlántico

O día 24 as federacións de Galicia, Asturias e Castela e León viaxarán a Bruxelas para falar co comisionado da Unión Europea

O Ministerio de Transportes asegura que o acceso ao porto exterior de Ferrol estará finalizado antes de que remate o ano

G24.gal 11/06/2026 14:47

O noroeste non quere perder o tren. Os empresarios de Galicia, Asturias e Castela e León reclaman "axilidade" no proxecto do Corredor Atlántico, a rede de comunicacións que deberá unir a fachada atlántica co centro e co norte de Europa, sobre todo para promover o transporte de mercadorías.

O vindeiro día 24, as federacións empresariais das tres comunidades autónomas viaxarán a Bruxelas para se reunir co comisionado da Unión para o Corredor Atlántico. E este xoves, aproveitando a xuntanza que mantiveron en Compostela, os empresarios dos tres territorios pedíronlle ao Gobeno central avances nas obras.

"Imos expoñerlle a necesidade de axilizar todos eses plans e ese plan director, que nós temos, dende o noso punto de vista pero que non coñecemos por parte do Ministerio", adiante o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.

Tamén a Xunta pide coñecer o plan de obras. O goberno autonómico quere que inclúa actuacións como o tren de alta velocidade con Portugal ou que os portos de Vigo e de Ferrol pasen a ter a consideración de nodais.

"É un plan director que levamos tempo reclamándolle ao Ministerio e que segue sen darnos o plan completo para poder avaliar todas as obras que contempla e, sobre todo, o orzamento que contempla", asegura o conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

Resposta do Goberno

O Goberno central asegura que os avances do Corredor Atlántico son reais e que poden verse tanto nas obras que se están executando en varios puntos da Península como nas licitacións de novas obras que van aparecendo no BOE.

No caso de Galicia, o comisionado do ministerio para o Corredor pon como exemplo as conexións por tren cos portos exteriores da Coruña e de Ferrol. Transportes di que o acceso ao porto da Coruña está practicamente rematado e que o de Ferrol "estará finalizado antes de acabar 2026, coa posta en servizo no inicio de 2027".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade