Prisión para dúas persoas por secuestrar e pegar un home por unha débeda de 500 euros no Carballiño
O home presentaba múltiples lesións e manifestou que estaba retido polo pago dunha presunta débeda e que recibiu múltiples malleiras por parte do home, así como ameazas con diversos utensilios
Un xulgado do Carballiño, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional para un home e unha muller por secuestrar e pegar a un home por unha débeda de 500 euros. Os feitos producíronse sobre as 19:00 horas deste luns cando a Garda Civil do Carballiño constatou que un home atopábase retido nun domicilio da localidade por outro home e unha muller, presuntamente parella, que esixían á súa nai e a outras persoas o pago de 500 euros para saldar unha suposta débeda.
Neste contexto, os axentes entraron no domicilio para liberar á persoa. Na intervención, desenvolvida no marco da operación 'Rolls', localizaron ao home que levaba privado de liberdade desde a noite do sábado. O home presentaba múltiples lesións e manifestou que estaba retido polo pago dunha presunta débeda e que recibiu múltiples malleiras por parte do home, así como ameazas con diversos utensilios.
Por todo iso, os axentes detiveron a un home, de 30 anos e de nacionalidade española, e a unha muller, de 28 anos e de nacionalidade venezolana, a cal intentou fuxir polo tellado dun edifico de cinco plantas e guindou, durante a súa fuga, unha bolsa con 50 gramos de cocaína.
Ambos os detidos pasaron á disposición xudicial no xulgado de garda do Carballiño, que decretou a prisión provisional para ambos, como presuntos autores de delitos de detención ilegal, agravados á súa modalidade de secuestro, lesións, ameazas, tráfico de drogas.
Ademais, o home foi acusado dun delito de quebrantamento de condena, ao constarlle unha orde de protección en vigor da detida cara á súa parella, e atoparse convivindo ambos. No rexistro do domicilio, os axentes incautaron unha báscula de precisión, caderno con anotacións de operacións de venda de droga, 250 euros, así como diversos obxectos utilizados durante a detención ilegal para ameazar e lesionar ao secuestrado.
Así mesmo, os axentes interviñeron unha chaqueta, relacionada cun delito anterior, polo que procederon a imputarlle ao home un delito de roubo con violencia e intimidación.