Aparece un home ensanguentado na Autovía do Morrazo asegurando ser vítima dun secuestro
Segundo explicou, varias persoas metérono pola forza nun vehículo canda a súa moza e, tras darlle unha malleira, tirárono por un terraplén
A vítima, de 36 anos, apareceu malferida e chea de golpes á altura de Moaña
A Garda Civil e a Policía Nacional investigan a aparición en Moaña dun vigués ensanguentado que foi supostamente abandonado nunha cuneta nas inmediacións da Autovía do Morrazo.
Os feitos ocorreron á primeira hora da tarde deste pasado domingo, cando un home, veciño de Vigo, foi achado cheo de golpes á altura da parroquia de Meira, en Moaña.
Foron uns particulares que circulaban co seu vehículo na saída da Autovía do Morrazo os que deron a voz de alarma.
Tras ser rescatado, o home explicou que fora vítima dun secuestro. Segundo dixo, unhas persoas interceptárono, a el e mais a unha moza coa que ía, na praza de América da cidade olívica, e subíronos á forza a un vehículo.
Despois propináronlle unha malleira e, posteriormente, tirárono por un terraplén na zona do monte de Meira, dende onde baixou camiñando ata o lugar onde foi achado.
As forzas de seguridade cren que tras este suceso se agocha un roubo en que estaría implicada a súa moza.