Axentes da Policía Nacional salvan a vida a un neno de tres anos en Vigo
O menor permanecía inconsciente tras esvaecerse e golpear a cabeza
Os axentes practicáronlle manobras de reanimación cardiopulmonar, que permitiron que o neno recuperase a respiración
Axentes da Policía Nacional conseguiron salvar a vida dun neno de tres anos no barrio vigués de Lavadores tras intervir ante unha situación crítica en que o menor chegou a estar inconsciente e con dificultades respiratorias.
Segundo explicou este luns a Policía Nacional, os feitos producíronse cando a Policía recibiu a chamada dunha muller solicitando unha ambulancia urxente e indicando que “estaba a perder o seu fillo”.
O menor esvaecérase, golpeara a cabeza e permanecía inconsciente, ademais de presentar problemas respiratorios.
Unha patrulla que se atopaba nas inmediacións acudiu de inmediato ao domicilio, onde os axentes comprobaron que o neno presentaba cianose e unha respiración extremadamente débil.
Mentres o desprazaban ao hospital nunha ambulancia medicalizada, os axentes detectaron que deixara de respirar, de modo que iniciaron manobras de reanimación cardiopulmonar logrando finalmente que o neno vomitara, rompera a chorar e recuperara a respiración.
O pequeno recuperouse favorablemente no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.