Recomendacións para combater a calor intensa, que seguirá en Galicia ata o mércores
A Xunta advirte de que as temperaturas extremas poden provocar riscos para a saúde
Entramos no verán con temperaturas extremas en toda Galicia, que poderían prolongarse ata este mércores, día de San Xoán. Xa este domingo a Xunta activou o nivel de alerta 3 no interior da Coruña e Pontevedra, o centro de Lugo e a montaña das provincias de Lugo e Ourense por episodio de calor extremo, o que trouxo consigo a restricción de actividades ao aire libre.
Nunha entrevista no Bos días, a xefa do servzo de Saúde Ambiental da Xunta, Silvia Suárez, aconsella seguir unha serie de recomendacións para evitar problemas cos golpes de calor; especialmente nos grupos máis vulnerables: maiores de 65 anos, nenos e bebés, persoas que padezan enfermidades cardiovasculares, respiratorias ou mentais e aqueles que traballan no exterior.
Para evitar incidencias, as autoridades insisten nunha serie de consellos:
-Beber sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos.
-Evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas.
-Evitar as comidas copiosas e aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas.
-Usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeu, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e transpirable.
-Permanecer en espazos frescos e ventilados e estar á sombra na medida do posible.
-Evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física.
-Vixiar que non queden nenos nin anciáns no interior do coche cos portelos pechados cando estacionemos o vehículo.
E, por suposto, no caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.