Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os encoros galegos seguen á baixa en plena vaga de calor

Os encoros galegos seguen á baixa en plena vaga de calor

Sitúanse ao 58,6 % da súa capacidade, catro puntos menos que a media da última década

A Xunta activa a alerta vermella por calor no interior da provincia de Pontevedra, con temperaturas entre os 36 e os 39 graos

 

 

 

Vista do encoro de Albarellos, este xoves en Leiro, Ourense. (EFE/Brais Lorenzo) Vista do encoro de Albarellos, este xoves en Leiro, Ourense. (EFE/Brais Lorenzo)
G24.gal 04/09/2026 08:28

Co arranque do mes de setembro, os encoros da demarcación Galicia-Costa seguen á baixa e están ao 58,6 % da súa capacidade, catro puntos menos que a media da última década.

As choivas da semana pasada non lograron mellorar a capacidade do sistema Galicia-Costa, aínda que frearon a súa caída, segundo os últimos datos da reserva hídrica que divulga o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Na última semana perderon só un hectómetro de capacidade pero permanecen por baixo da media da última década para esta semana do ano, que se sitúa no 62,68 %.

A previsión meteorolóxica non favorece que as reservas poidan mellorar nos próximos días, xa que Galicia afronta un novo episodio de calor.

Galicia, en alerta por calor

A Xunta ten activada a alerta vermella (nivel 3) no interior da provincia de Pontevedra, con temperaturas entre os 36 e os 39 graos. Nas zonas do Noroeste da Coruña e a montaña de Ourense estarán en alerta laranxa, e na montaña de Lugo e Valdeorras en nivel amarelo.

Neste escenario, a Secretaría Xeral para o Deporte suspendeu a actividade deportivas do programa Xogade no exterior, entre as 12:00 e as 20:00 horas nas zonas con nivel vermello e laranxa. A actividade federada non se suspende, pero recoméndase ás organizacións de probas que adapten os horarios ás condicións de cada zona, evitando no posible as horas de máis calor.

A Xunta lembra as recomendacións para evitar contratempos coa chegada da calor: hidratarse adecuadamente, evitar comidas copiosas, usar protección contra o sol e vestir roupa cómoda. Cómpre prestar especial atención aos grupos de risco: maiores e nenos, enfermos crónicos, operarios que traballen ao aire libre ou persoas con patoloxías.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade