Publicador de contidos

Publicador de contidos

As contínuas vagas de calor afectan a animais e cultivos, que fan fronte á escaseza de auga e alimento

As contínuas vagas de calor afectan a animais e cultivos, que fan fronte á escaseza de auga e alimento

Non só os humanos sufrimos os efectos das altas temperaturas

Os animais e as plantas vense tamén afectados no seu desenvolvemento diario

G24.gal 16/08/2026 19:34

Apenas queda no monte herba verde e tenra que levar á boca. Tras varios meses sen chover, os prados secan e os animais só atopan bo alimento natural onde aínda queda algo de humidade. O gando ceibo busca a vida como pode. O doméstico precisa máis penso para suplementar a dieta.

"Comen tirando do penso e da herba seca, porque verde non queda case nada. Está todo queimado. Aquí é onde estaban antes as ovellas e agora non teñen nin onde pousar", relata un veciño da Franqueira, no concello da Caniza, un dos municipios afectados pola alerta vermella por calor decretada esta fin de semana pola Xunta.

Poucos días do que levamos de verán o termómetro baixou dos 30 graos en boa parte do interior da provincia de Pontevedra. Demasiada calor e bochorno que cansa e inquieta tanto a persoas coma a animais.

"Aí andamos loitando, os animais queren hidratarse, esta xa está inqueda porque ten sede", sinala un veciño de Taboexa, no concello das Neves, sostendo un can de raza pequena na man.

"A calor aliviámoslla poñéndoo a sombra, en zona escura, cun ventilador, dándolle auga e comida. E... aí van tirando", engade.

"O ano pasado fixo moita calor, certo, pero o deste ano xa é moito, xa é algo demasaido", opina outro veciño de Corzáns, en Salvaterra.

Estrés, neste caso hídrico, que sofren tamén plantas e árbores. As hortas precisan dunha auga cada vez máis escasa. A seca retarda a maduración dalgunhas variedades, aínda que noutras a calor acelera o proceso e a vendima adiántase este ano. Refresca algo o ambiente pola noite, debido ao vento do nordés, que por outra banda multiplica o risco de lumes voraces.

"Fixo un aire aquí toda a noite, e tamén algo pola mañá, descomunal. E aire fresco, non aire quente, é aire fresco. Claro, o máis perigoso é iso, o que ten de risco para os incendios", manifesta unha veciña da Franqueira.

Segundo a predición meteorolóxica, o sol vai seguir gobernando duramente no ceo, castigándonos con máis calor ata mediados da vindeira semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade