Os galegos que achegan o seu gran de area ao proxecto europeo
Son moitos os que desenvolven a súa carreira profesional nas institucións comunitarias; sobre todo, en Bruxelas
Traballan como tradutores na Comisión ou letrados no Parlamento, entre outros perfís
A Televisión de Galicia emite este mércores os Telexornais desde a sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo. Alí se celebran os plenos ordinarios, unha vez ao mes, pero os eurodeputados e os funcionarios da institución desenvolven a súa actividade habitual no centro de traballo que a Eurocámara ten en Bruxelas. Na capital comunitaria, son moitos os galegos que achegan o seu gran de area ao proxecto comunitario.
Irene Arto Escuredo é tradutora da Comisión Europea en Bruxelas, igual que Bruno Salgado.
"Traduzo todo o que me dean de lexislación, comunicacións, notas de prensa...", explica Bruno. "Un día podemos estar traballando con paxaros, outro día con pilas e baterías", concreta Irene.
Alberto Escobar traballa como letrado no Parlamento Europeo, na comisión que leva inmigración, fronteiras ou cooperación policial:
"Esta comisión é un pequeno Parlamento en si mesmo, porque ten 75 deputados do Parlamento Europeo, que son tantos como no Parlamento de Galicia", compara Alberto.
Estes tres galegos -de Ourense, Ferrol e Pontevedra- salientan que o traballo nas institucións comunitarias é moi variado e estimulante.
"É moi interesante traballar nunha cidade na que sempre ocorre algo que está nos titulares", destaca Alberto.
Tamén coinciden en que no corazón de Europa non se vive tan mal, aínda que en Galicia -matiza Bruno- como en ningún sitio.
Alí vívese mellor, na aldea vívese moi ben. Aquí non é o mesmo, pero aínda así vívese moi ben. A cidade ten unha oferta cultural moi grande, hai moita xente de todos lados. Hai moitos galegos, tamén. Temos ata un festival de música galega: o Emigrason. Mesmo unha peña celtista", relata.