Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Respecta os teus veciños e charla baixiño", unha campaña para baixar o ton das terrazas de noite

"Respecta os teus veciños e charla baixiño", unha campaña para baixar o ton das terrazas de noite

A iniciativa da hostalaría de Ames busca que o ocio poida convivir no verán co descanso veciñal

A medida favorece tamén a inclusión de persoas con especial sensibilidade ao ruído e fai máis agradables os espazos comúns

G24.gal 07/06/2026 13:38

"Respecta os teus veciños, charla baixiño" é a nova campaña da hostalaría de Ames para que o ocio poida convivir no verán co descanso veciñal. A mensaxe vai dirixida á clientela das terrazas ou que se reúne nas portas dos locais e, chegada a noite, esquece o barullo que fai. 

Somos pouco conscientes do ton de voz que temos sobre todo cando nos xuntamos en grupo. Vemos que é de día e non nos decatamos de que nesta época xa deron as 10 da noite. E mentres uns continúan no seu horario de terraceo, outros que madrugan intentan conciliar o sono. 

"Quixemos facer unha campaña en positivo porque calquera pode falar alto demais no fragor da conversa. Entón empregamos uns carteis e uns adhesivos para avisar á xente de que baixe o volume para non molestar a veciñanza", explica Ramón Cordido, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames

"Aquí que é un local nocturno, moitas veces cando a xente sae fumar vén de estar con barullo e a música alta e é complicado baixar decibelios cando saen", di Benjamín Seoane, hostaleiro

"Coa campaña o que facemos é pedirlle á clientela que a partir das 10 da noite empecen a baixar o ton para que a xente poida descansar", explica Manuel Rei, propietario doutro local 

O lema, tanto por escrito como nas recomendación orais dos hostaleiros di: "Éche un falar miudiño. Respecta os teus veciños. Charla baixiño" e o obxectivo da medida é mellorar a convivencia entre todos os que comparten un mesmo espazo, tamén quen senta na mesa do lado ou persoas con especial sensibilidade ao ruído. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade