O papa pecha o Xubileu da Mocidade: "Estamos coa xente nova de Gaza e Ucraína!"
O vindeiro encontro celebrarase en Seúl, do 3 ao 8 de agosto do 2027
O papa León XVI expresou este domingo a súa solidariedade coa xente nova que padece a guerra en todo o mundo, en especial cos de Gaza e Ucraína, ao termo do Xubileu da Mocidade que congregou en Roma máis dun millón de persoas.
"Estamos coa xente nova de Gaza e cos mozos de Ucraína! Con todos aqueles países ensanguentados pola guerra", proclamou antes do rezo do Ángelus desde o escenario da chaira de Tor Vergata, na periferia romana.
O pontífice defendeu que a ampla participación neste evento xuvenil demostra que "outro mundo é posible (...) no que os conflitos non se resolvan coas armas, senón co diálogo".
"En comuñón con Cristo e na nosa esperanza de paz polo mundo, estamos máis preto que nunca dos mozos que sofren os máis serios males, causados por outros seres humanos", sostivo o papa, suscitando o aplauso da multitude.
León XIV non aludira a estes conflitos durante o encontro que se celebrou durante a fin de semana. Na tarde do sábado o Papa oficiou unha vixilia de oración e este domingo pechou o evento cunha misa multitudinaria.
O pontífice despediuse dos asistentes emprazándolles a participar na próxima Xornada Mundial da Mocidade, en Seúl, do 3 ao 8 de agosto do 2027.
"Vós, mozos peregrinos de esperanza, seredes testemuñas ata os confíns da Terra. Cítovos en Seúl, continuemos a soñar e esperar xuntos!", rematou.