Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carlo Acutis, o primeiro santo milenial

Carlo Acutis, o primeiro santo milenial

Cultivou as súas dúas grandes paixóns, a fe e a informática, ata que a leucemia acabou coa súa vida cando tiña 15 anos

O papa León XIV canonizouno o domingo 7 de setembro de 2025

Carlo Acutis, o primeiro santo milenial
G24.gal 13/09/2025 15:30 Última actualización 12/09/2025 18:38

Foi un estudante italiano que dende moi novo cultivou dúas paixóns: a fe e a informática. Empregaba Internet para difundir os valores cristiáns e viviu sempre entregado aos demais.

Morreu a causa dunha leucemia fulminante con só 15 anos, pero deixou unha pegada tan fonda que xa é, oficialmente, o primeiro santo milenial. 

A súa historia comeza en Londres. Alí naceu, de pais italianos, en 1991. Acabaron trasladándose a Milán. E Carlo Acutis, aos sete anos, fixo a Comuñón. Aí comezou a dedicarse á Igrexa. 

Dicía a súa nai, Antonia, que ela só fora á misa tres veces: no seu bautizo, na súa Comuñón e na súa voda. Pero, a partir de aí, meteuse mesmo a estudar Teoloxía para poder responder as preguntas do seu fillo.

Cos seus primeiros aforros, Carlos Acutis mercou un saco de durmir para un mendigo que vía sempre camiño da misa. Estaba sempre para os seus compañeiros e, no barrio, axudaba os pobres coa súa amizade e parte da súa paga. O seu camiño de entrega aos máis necesitados xa non se detería. 

E o domingo 7 de setembro de 2025, León XIV canonizouno, a el e mais a Pier Giorgio Frassati.  

"Son unha invitación a non malgastar a vida, a orientala cara ao alto e facer dela unha obra mestra", dicía o papa sobre os dous novos santos.

"Igual que para viaxar en globo hai que descargar peso, tamén a alma para se elevar ao ceo necesita quitar de enriba eses pequenos pesos que son os pecados veniais", pensaba Carlo Acutis.

Morreu en 2006. A leucemia acabou con el en cuestión de días. Quixo ser soterrado en Asís, o seu "lugar favorito no mundo". Alí veneran o seu corpo incorrupto centos de miles de devotos. 

"Todos nacen como orixinais, pero moitos morren como fotocopias", repetía San Carlo.

Así falaba desta época. Por iso animaba a buscar a beleza, este santo do noso tempo, o primeiro santo milenial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade