Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xogadores de baloncesto en cadeira de rodas xúntanse na Coruña cun fin solidario

Xogadores de baloncesto en cadeira de rodas xúntanse na Coruña cun fin solidario

Os cartos da súa exhibición axudarán a construír unha escola en Uganda

O encontro busca tamén dar visibilidade ao deporte adaptado

G24.gal 13/09/2025 14:51 Última actualización 13/09/2025 15:18

A maioría destes deportistas foron ou aínda son profesionais do baloncesto en cadeira de rodas. Viñeron á Coruña desde distintos puntos de Galicia, doutras comunidades e mesmo algún do estranxeiro para ofrecer un partido de exhibición.

"Hai que darlles visibilidade ao baloncesto en cadeira de rodas e ás persoas con discapacidade", subliña Jordan, un cubano que xogou uns anos en Galicia.

Todos coinciden en que o deporte lles serviu de válvula de escape e en que lles deu liberdade e horizontes.

"A xente que tiñamos unha minusvalía cando saïamos desa casca era como voar", describe o xogador Manuel Tesouro.

"E descubrir sitios porque te desprazas para competir. Coñeces moita xente. Dáche unha gran vida social", engade o xogador Álvaro Illobre.

Un dos promotores do baloncesto en cadeira de rodas en Galicia, José Luis Fernández, insiste na importancia de apoiar o deporte adaptado.

 "Porque o vemos moi poucas veces na televisión. Só cando cando hai parolimpíadas", lamenta José Luis Fernández, que foi concelleiro de Deportes en Culleredo.

Este reencontro de xogadores ten ademais unha finalidade solidaria. Os cartos das entradas ao partido van ir á construción dunha escola en Uganda.

"Agora mesmo está a medio construír. É para máis de 600 nenos e nenas", expón o presidente da ONG que está detrás do proxecto, Horizon Experiences.

Entre o público, atopamos a presidenta da Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple.

"Todas as entidades debémonos apoiar. Paréceme moi necesario estar neste tipo de eventos e neste en concreto pola importancia de normalizar o deporte adaptado e ademais por unha boa causa solidaria", explica Sonia García Erias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade