O presunto asasino de Charlie Kirk pasará a disposición xudicial o próximo martes
Tyler Robinson podería ser sentenciado a morte, condena legal en Utah
O activista ultraconservador norteamericano, Charlie Kirk, estreito colaborador dixital do presidente Donald Trump, foi abatido desde unha distancia de 180 metros cun vello rifle Mauser do calibre 30. O tirador fuxiu inmediatamente do lugar dos feitos, a Universidade de Utah.
Máis de 30 horas despois, o FBI detivo como presunto asasino a Tyler Robinson, un mozo de 22 anos, de familia republicana e trumpista, ao que convenceron para entregarse seu pai e un amigo.
A viúva do activista asasinado dixo que vai seguir co traballo do seu marido.
"Os responsables do asasinato do meu marido non teñen nin idea do que fixeron, di a viúva de Charlie Kirk, matárono por predicar mensaxes de patriotismo, fe e amor de Deus; todos deberían saber isto: se antes pensaban que a misión do meu home era poderosa, non saben o que acaban de desatar en todo o país", declarou a muller.
O cadáver de Charlie Kirk chegou este venres pola noite á cidade de Phoenix, a bordo do avión do vicepresidente dos Estados Unidos, que axudou a levar o féretro.
Trump asistirá aos funerais
A familia aínda non decidiu cando se celebrarán os funerais por Kirk, aos que asistirá o presidente Donald Trump, que xa anunciou que lle concederá a máxima distinción civil norteamericana.
Mentres, o presunto asasino agarda na prisión do condado de Utah, na cidade de Spanish Fork, a que o trasladen o próximo martes ao xulgado do lugar para declarar diante do xuíz.
Ese mesmo día o fiscal presentará cargos contra Tyler, que podería recibir a condena a morte, legal no Estado de Utah.