Rexeitamento unánime das comunidades á proposta da nova PAC de Bruxelas
As autonomías acordan unha fronte común con Planas contra o megafondo agrícola e pesqueiro
Advirten dunha perda de recursos e desigualdades entre territorios

Os conselleiros autonómicos de Agricultura rexeitaron este luns de maneira unánime a proposta da Comisión Europea sobre o deseño e os orzamentos da futura Política Agraria Común (PAC) para 2028-2034.
A decisión adoptouse no Consello Consultivo presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, preparatorio da reunión de ministros da UE prevista para os días 22 e 23 en Bruxelas.
Planas pediu apoio e unha estratexia común fronte a un proxecto que o Goberno español cualifica de insatisfactorio.
Bruxelas propón integrar a PAC e o Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMPA) nun megafondo con maior responsabilidade dos estados membros, algo que xerou o rexeitamento das autonomías.
Defensa de fondos específicos e alerta pola diversidade territorial
O conselleiro de Aragón, Javier Rincón, defendeu manter fondos específicos para pagos directos e desenvolvemento rural, evitando un “sobre único”.
A súa postura coincide co informe aprobado polo Parlamento Europeo a prol de reducir burocracia e endurecer esixencias ás importacións de terceiros países.
Desde Castela-A Mancha, Julián Martínez advertiu de que non ten sentido que sexan só os comisarios de Facenda quen decidan o paquete económico.
Pola súa parte, a vasca Amaia Barreda mostrou preocupación polo marco financeiro comunitario, xa que a proposta non concreta nin cantidades nin distribución, e lembrou que a PAC debe atender a diversidade agraria en territorios como Murcia, Euskadi ou Galicia.
As autonomías marcan liñas vermellas
A conselleira da Rioxa, Noemí Manzanos, fixou como liña vermella manter como mínimo o actual orzamento plurianual da PAC, con especial atención ao viño.
O valenciano Miguel Barrachina cifrou nun 23 % a perda de recursos, o que suporía uns 52 millóns menos para a comunidade e deixaría sen cobertura 28.000 agricultores, 24.000 deles xubilados.
En Estremadura, Mercedes Morán advertiu de que a proposta “desvirtúa” a Política Agraria Común e crearía desigualdades, polo que pediu un rexeitamento frontal con unidade autonómica.
Ademais, reclamou activar o mecanismo de crise pola complicada situación da gandería pola lingua azul.
O andaluz Ramón Fernández-Pacheco tamén criticou a proposta, ao considerar que deixa os agricultores á vontade de cada Eetado membro, e lembrou que Andalucía é a primeira receptora das axudas da PAC en España.