O CIS segue dando gañador ao PSOE a 9 puntos do PP en pleno estalido do caso Salazar
Segundo a enquisa, con 4.017 entrevistas realizadas do 1 ao 5 de decembro, os socialistas obteñen unha estimación de voto do 31,4 %, perdendo 1,2 puntos respecto ao barómetro de novembro, mentres os populares manteñen un 22,4 % de apoio electoral
A vivenda mantense como o principal problema para os españois, citado polo 39,9 % dos enquisados, seguido da crise económica (21,8 %) e os problemas políticos (19,1 %)
EFE/Chema Moya
O último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas, elaborado en pleno estalido do caso Salazar e tras o ingreso en prisión do exministro José Luis Ábalos, segue dando a vitoria electoral ao PSOE, con nove puntos de vantaxe sobre o Partido Popular.
Segundo a enquisa, con 4.017 entrevistas realizadas do 1 ao 5 de decembro, os socialistas obteñen unha estimación de voto do 31,4 %, perdendo 1,2 puntos respecto ao barómetro de novembro, mentres os populares manteñen un 22,4 % de apoio electoral.
Vox baixa 1,2 puntos ata o 17,6 %, en tanto que Sumar sobe lixeiramente ata o 7,8 %, Podemos queda no 4,1 % e Se Acabó La Fiesta (SALF) escala á sexta posición grazas a un 2,4 % de voto estimado (1,8 puntos máis que hai un mes). É a maior subida dunha táboa na que ERC consegue un 2,1 % de respaldo; EH Bildu, un 1,5; o PNV, o 0,9 % dos sufraxios e o BNG o 0,8 %.
Junts logra tamén o 0,8 % tras deixar tres décimas nun mes, mentres irrompe na estatística Aliança Catalá co 0,5 %, un partido sen representación no Congreso que ata o de agora nunca aparecera nos barómetros mensuais do CIS.
Por baixo sitúanse Coalición Canaria co 0,2 % e UPN co 0,1 %, ambos cun escano cada un no Congreso.
A vivenda mantense como principal problema cidadán
A vivenda mantense como o principal problema para os españois, citado polo 39,9 % dos enquisados, seguido da crise económica (21,8 %) e os problemas políticos (19,1 %). En cuarto lugar figura a inmigración, citada polo 16,3 % e moi de preto por "a corrupción e a fraude", que preocupa ao 16,2 %, mentres que a calidade do emprego inquieta ao 14,5 % e o Goberno e os partidos son percibidos como un problema para o 13,9. A situación económica de España é "mala" ou "moi mala" para o 59,3 % dos cidadáns e "boa" ou "moi boa" en opinión do 33,3 %.
Sánchez segue sendo o preferido como presidente
A mostraxe revela que o líder socialista, Pedro Sánchez, segue sendo o preferido como presidente do Goberno, xa que o 23,4 % maniféstao así, seguido de Alberto Núñez Feijóo, a quen prefire o 10,6 %, situándose por diante do líder de Vox, Santiago Abascal, favorito para presidir o Executivo, segundo o 9,6 %.
Con todo, un 24 % dos entrevistados responde cun "ningún deles" á pregunta da quen prefiren como presidente do Goberno. Na avaliación de líderes, ningún chega ao aprobado, como é habitual nos barómetros do CIS, con Sánchez o mellor valorado grazas a unha nota de 4,08, seguido moi de preto pola vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, cun 4,01, con Feijóo en terceira posición (3,39) e Abascal en último lugar (2,9).