O sector pide máis pesca de linguado e que non haxa recortes na pescada
Planas aborda co sector pesqueiro as negociacións para as cotas
O sector pide ademais topes para o prezo do gasóleo
Imaxe de arquivo do porto de Vigo ( Adrián Irago / Europa Press)
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, reuniuse este venres con representantes do sector pesqueiro e acuícola cos que abordou as próximas negociacións pesqueiras da Unión Europea dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2027, a situación do Mediterráneo e o futuro Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, así como a reforma da Política Pesqueira Común (PPC).
Neste encontro participaron representantes da Confederación Española de Pesca (Cepesca), da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores (FNCP) e da Asociación Empresarial de Acuicultura Española (Apromar).
Na reunión, o titular do ramo informou ao sector pesqueiro nacional que se prevé estabilidade para as principais pesqueiras do Atlántico, dada a boa situación a nivel global das principais especies.
Máis cota de linguado e sen recortes na pescada
O sector pesqueiro reclama máis cota de linguado e que non haxa recortes na pescada o que vén. A negociación está aberta e son dúas das especies que máis preocupan á frota. A pesca do linguado está pechada desde xullo por esgotarse a cota e, no caso da pescada, os científicos propoñen reducir un vinte por cento as capturas.
A confrarías galegas pedíronlle ao ministro Luís Planas que defenda en Bruxelas os intereses da frota nas negociacións que comezan este mesmo mes.
Preocupan as cotas de peixe, pero tamén o prezo do combustible. Esta mañá reuníronse as confrarías para pedir un tope os prezos do gasóleo, que se sitúa en 1,20 euros.