A frota galega pide unha solución para non ter que marchar de Mauritania en novembro
O acordo de pesca entre a Unión Europea e o país norteafricano remata en menos de dous meses e non está renovado
Do pacto dependen cincuenta barcos españois, entre eles unha ducia de capital galego con base en Marín e as Canarias
A Xunta insta o Goberno a premer na UE para poder manter a flota en Mauritania
Marchan cargados de dúbidas. O Carmen e Pilar sae este luns de Marín rumbo a Mauritania sen saber canto tempo poderá pescar alí. É un dos barcos, cen en toda Europa, que están desnortados pola situación do protocolo entre o país africano e a Unión Europea. Ese acordo remata o 14 de novembro e non está renovado. É máis, as negociacións para unha posible extensión están agora mesmo bloqueadas. O Carmen e Pilar só ten garantidos dous meses e medio de traballo pero aínda así navegará ata África. Esperan poder facer ata cinco mareas para, cando menos, cubrir algúns gastos.
"Se paro, acabouse. Os bancos queren cobrar inmediatamente e, se non cobran, embargan. E, se embargan, quedas sen nada. E eu non traballei toda a miña vida para quedar sen nada", asegura Eladio Rosales, un veterano armador de Marín que ten catro barcos que traballan en Mauritania.
Co actual acordo, Mauritania recibe da Unión Europea sesenta millóns de euros. Pero agora pide máis contraprestacións polos seus recursos. Bruxelas, de momento, non acepta e as posturas están afastadas.
"Díxenlle (ao goberno de Mauritania): tedes que ter os pés no chan. Hai menos posibilidades de pesca e loxicamente a contrapartida financeira non pode ser sequera igual á anterior", explica Juan Carlos Martín, o xerente da Organización de Produtores de Pesca do Porto e da Ría de Marín, Opramar, que mantén conversas tanto coa Unión Europea como coa administración de Mauritania.
Do acordo dependen cincuenta barcos con base en ditintos portos españois. Unha ducia son de capital galego, como os catro arrastreiros de Marín que capturan aló pescada.
"E todos creo que estamos de acordo en que hai que explorar a posibilidade de facer unha prórroga dese convenio, ainda que algúns cren que non é posible", expón a xerente adxunta da Cooperativa de Armadores de Vigo, Mercedes Rodríguez.
En calquera caso, a solución non será inmediata. Os trámites na Unión Europea son complexos e lentos. Tanto renovar un acordo como pactar unha prórroga pode levar meses. E a conta atrás para a frota galega remata o 14 de novembro.