Galicia reclámalle a Planas que defenda en Bruxelas uns fondos suficientes para o sector pesqueiro e agrario
Galicia reclámalle a Planas que defenda en Bruxelas uns fondos suficientes para o sector pesqueiro e agrario
As conselleiras do Mar e do Medio Rural pediron na sectorial celebrada en Madrid que as comunidades poidan ter unha participación maior na toma de decisións
Galicia reclámalle ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, que defenda en Bruxelas uns fondos suficientes para o sector pesqueiro e agrario, tendo en conta as particularidades do noso territorio. As conselleiras do Mar e do Medio Rural pediron na sectorial celebrada en Madrid que as comunidades poidan ter unha participación maior na toma de decisións.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, trasladoulle a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común (PPC) e reclamou unha participación máis efectiva das comunidades autónomas na definición da posición que España defenderá no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea.
Villaverde trasladou a necesidade de dotar estes encontros doutros formatos en que se dea un maior protagonismo aos gobernos autonómicos e sinalou que Galicia botou de menos un traballo conxunto previo máis efectivo para abordar cuestións de especial transcendencia para o futuro do sector pesqueiro.
Neste sentido, a conselleira defendeu que as comunidades autónomas, polas súas competencias e polo coñecemento directo das características dos seus sectores produtivos, deben ter unha participación activa na elaboración dunha posición común española sobre o futura PPC e o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034.
Por este motivo, a Xunta sinalou que Galicia mostrou a súa disposición para seguir traballando co ministerio para avanzar cara a unha postura consensuada e sólida ante as negociacións europeas.
Durante o encontro, Villaverde reiterou as principais propostas que Galicia considera prioritarias para a futura política pesqueira europea, entre elas garantir un financiamento específico, visible, plurianual e protexido para a pesca e a acuicultura.
A Xunta apoia neste ámbito a referencia de, cando menos, 7.290 millóns de euros para o período 2028-2034 e reclama que estes recursos non queden diluídos dentro de fondos de carácter xeral nin poidan ser desviados cara a outras políticas.
A titular de Mar incidiu tamén na necesidade de afrontar o elevado envellecemento da frota.
Fondos suficientes para unha nova PAC
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, reclamou este mércores en Madrid fondos suficientes para unha nova Política Agraria Común (PAC) adaptada ás necesidades e peculiaridades dos territorios.
Ao seu xuízo, é "esencial" que a política estea adaptada ás necesidades dos territorios para que "sexan facilmente executables".
Tamén se referiu á misiva remitida polas comunidades cantábricas para pedir axudas adicionais ante a situación extraordinaria de seca.
Pediu que esas axudas cheguen de "xeito eficaz e eficiente aos nosos produtores" e tamén o impulso ao seguro agrario para que cubra estes "vaivéns climatolóxicos".
A titular do Medio Rural manifestou a súa preocupación ante a perda de orzamento da nova PAC a partir de 2028, de polo menos un 20% en comparanza co actual período. Así, instou o Ministerio para seguir defendo unha PAC forte e ben dotada, que desfrute polo menos co mesmo orzamento que na actualidade; co obxectivo de que sexa unha ferramenta eficaz para a estabilidade e o desenvolvemento do sector primario, adaptada ao contexto agrario, climático e produtivo de cada Estado membro.
A conselleira tamén incidiu na importancia do "diálogo e o traballo conxunto" para poder avanzar en solucións ante as cuestións que está a atravesar o sector primario galego, como é o caso dos prezos do leite en Galicia.
A este respecto, lembrou as reiteradas solicitudes de reunións co ministro Luis Planas para abordar esta situación. Unhas peticións que, afirmou a titular do Medio Rural, non obtiveron resposta.