Deteñen tres persoas en Vigo tras un roubo nun local da Avenida de Fragoso
Unha veciña, que os viu entrar, avisou á Policía Local e colléronos cando tentaban fuxir
Tres persoas, dous homes e unha muller, foron detidos en Vigo por un suposto roubo con forza. Foi contra as once da noite, nun comercio da Avenida de Fragoso. Forzaron a reixa e a porta automática, e coáronse dentro. Segundo relata Isabel, unha das traballadoras, revolveron a gusto, arriba e abaixo.
"Revolveron todo, estiveron cousa de 15 minutos, e levaron un teléfono móbil e unha caixa forte pequena que había arriba, cuns 500 euros", di.
Casualidade ou non, xusto estes días avariáronse os sistemas de seguridade do local. Non funcionaron as cámaras e, por sorte, nin falta fixo: unha veciña viu os supostos ladróns desde a ventá, e avisou á Policía Local.
"Chaomou á Policía porque viu unhas pernas por debaixo da reixa, e xa os colleron fóra", conta Isabel.
Colléronos a poucos metros do establecemento. Levaban a caixa forte, aínda sen abrir, e o teléfono móbil que colleran na tenda. Os tres, de entre 39 e 46 anos, son veciños de Vigo. Foron postos a disposición xudicial, por un presunto delito de roubo con forza.