A suba de temperaturas deixa imaxes de verán
Os termómetros subirán aos 30 graos na fin de semana e prevense noites tropicais nalgúns puntos de Galicia
Parecía que neste maio non iamos quitar o saio. Pero esta semana trae unha suba das temperaturas que sabe a verán.
En Riazor xa quitaron a duna do inverno e en Vigo os socorristas das piscinas de Samil teñen todo listo para recibir os bañistas, e con instalacións renovadas. Esta fin de semana estarán dispoñibles para que os máis pequenos se poñan a remollo.
Está previsto que os termómetros sigan subindo ata superar os 30 graos durante a fin de semana.
O episodio de calor afecta toda a comunidade, porque hoxe soben na Mariña e mañá na costa atlántica.
Ademais de sacar o traxe de baño do armario, haberá que retirar a manta da cama en noites que se prevén tropicais nalgúns puntos, con temperaturas que non baixarán dos vinte graos durante a madrugada.