Rescatan os seis tripulantes dun pesqueiro afundido na entrada da ría de Muros e Noia
Outro pesqueiro recolleu os náufragos e posteriormente foron trasladados en bo estado ata Porto do Son por unha lancha de Salvamento Marítimo
Os seis tripulantes du pesqueiro Reisiño foron rescatados este martes en bo estado despois de que o barco se afundira á entrada da ría de Muros e Noia.
Segundo indicaron fontes de Salvamento Marítimo, a alerta saltou sobre as 8:30 horas e os tripulantes foron rescatados da auga polo pesqueiro Do Mar, con base en Porto do Son.
Ata o punto mobilizouse a Salvamar Regulus, que trasladou os seis mariñeiros, que estaban en bo estado, pero nerviosos por mor do suceso, ao porto de Porto do Son, onde os esperaba unha ambulancia.
Pola súa banda, o 112 Galicia alertou o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou tres ambulancias, a Garda Civil, a Policía Local e o Servizo de Gardacostas de Galicia.
O Reisiño é un barco con base en Muros, de 17 metros de eslora e de 38 anos de antigüidade. Segundo informa Salvamento Marítimo, non hai perigo de contaminación, pero a pesar diso o avión Sasemar 101 ten previsto realizar un voo de recoñecemento.
Alioune, Omar e Mussa son 3 dos 6 tripulantes do Reisiño. Con moita temperanza a pesar da dura experiencia vivida esta mañá, relataban como foi o naufraxio a 5,8 millas da costa na entrada da ría de Muros e Noia, cando ían ao polbo. Durmían cando detectaron unha vía de auga que non foron quen de achicar.
Lanzaron a mensaxe de socorro e rescatounos o pesqueiro Do Mar, de Porto do Son, que estaba preto deles. O patrón e outro dos mariñeiros tiráronse á auga cando o Reisiño xa ía a pique.
O patrón e outro mariñeiro tiveron que ser trasladados ao hospital do Barbanza por unha crise nerviosa, pero atópanse ben. Os 3 mariñeiros senegaleses dan grazas pola sorte que correron.
O Reisiño xa sufrira unha vía de auga en 2005 na mesma zona e tivera que ser remolcado por Salvamento Marítimo ata Porto do Son.