Comenza en Indonesia o xuízo polo naufraxio do barco en que morreron catro españois
O capitán e o xefe de máquinas están acusados de neglixencia con resultado de morte
A embarcación turística naufragou cando facía unha ruta por unha das zonas máis visitadas do país
A viaxe a Indonesia dunha familia de Valencia virou de maneira tráxica o 26 de decembro pasado cando facían unha excursión en barco entre as illas do Parque Nacional de Komodo. Catro dos seis membros do grupo familiar desapareceron cando a embarcación naufragou.
O dispositivo de busca logrou recuperar días despois o corpo do pai e de dous menores. A nai e unha das súas fillas lograron salvarse, pero outro fillo dela nunca foi localizado.
Dous tripulantes do barco enfróntanse a cinco anos de cadea por neglixencia
A investigación sobre as responsabilidades da traxedia centrouse desde o primeiro momento no capitán e o xefe de máquinas do barco. Ese xoves arrancou o xuízo contra eles nun tribunal local. A fiscalía acúsaos de neglixencia con resultado mortal, un delito que lles pode supoñer ata cinco anos de cadea.
Segundo a investigación previa, o capitán non estaba ao mando da embarcación no momento do accidente; cedéralle o control ao xefe de máquinas, malia que a súa capacitación non o habilita para iso.
Nun principio, as autoridades atribuíran o afundimento á perda do control do motor, pero logo tamén se relacionou cun "inusual e impredicible" fenómeno mariño característico desta zona que provoca de súpeto unhas grandes ondas que puideron facer envorcar o barco.
Andrea Ortuño e a súa filla foron as únicas superviventes da familia
Unha traxedia que impactara en Valencia
O suceso tivera unha gran repercusión na Comunidade Valenciana, onde era moi coñecido Fernando Martín, exfubolista do Valencia e adestrador dun dos equipos femeninos do club. Morreu tamén o seu fillo Mateo, de 9 anos, e Lía, de 12, filla da súa parella, Andrea Ortuño. Ela foi rescatada con vida xunto a outra das súas fillas, de 7 anos.
O operativo de rescate non logrou atopar outro menor de dez anos, Quique, fillo tamén de Andrea con outra parella.