Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desactivada a alerta de tsunami en Indonesia tras un terremoto de 7,4 graos

Desactivada a alerta de tsunami en Indonesia tras un terremoto de 7,4 graos

Polo menos unha persoa morreu tras quedar sepultada entre os entullos dun edificio

 

REUTERS/Tonny Rarung REUTERS/Tonny Rarung
G24.gal 02/04/2026 09:16

Polo menos unha persoa morreu tras o terremoto de magnitude 7,4 rexistrado este xoves fronte ás costas do nordés de Indonesia, despois de quedar sepultada entre os entullos dun edificio que colapsou na zona de Manado, segundo informou o medio indonesio Metro TV.

O sismo, rexistrado ás 00.48 (hora galega) tivo o seu epicentro a 35 quilómetros de profundidade no mar de Molucas, fronte á costa de Ternate, de acordo co Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos (USGS).

O tremor xerou unha alerta de tsunami para Indonesia, así como para Malaisia e Filipinas, con previsión de ondas de entre 0,3 e un metro en zonas costeiras de Indonesia. A alerta foi desactivada horas despois. 

Como medida de seguridade, as autoridades indonesias activaron protocolos de evacuación en varias áreas próximas ao epicentro, mentres organismos rexionais monitorizan a evolución do fenómeno tras rexistrarse réplicas e pequenas variacións do nivel do mar.

Indonesia está asentada sobre o chamado Anel de Lume do Pacífico, unha zona de gran actividade sísmica e volcánica na que cada ano se rexistran uns 7.000 terremotos, a maioría deles moderados.

Unha das catástrofes máis mortíferas no país tivo lugar en 2004, cando un forte terremoto no norte da illa de Sumatra xerou un tsunami que causou máis de 226.000 mortos nunha ducia de nacións bañadas polo Océano Índico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade