Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os pateiros acaban coa cría de mexillón nas bateas do Freixo, na ría de Muros e Noia

Os pateiros acaban coa cría de mexillón nas bateas do Freixo, na ría de Muros e Noia

Hai unhas 25 bateas afectadas pertencentes a 8 bateeiros

Son as bateeas do polígono NOIA A, situado preto do Freixo e a illa da Creba

Os bateeiros de Esteiro e de Muros tamén están preocupados

G24.gal 28/06/2026 14:11 Última actualización 28/06/2026 15:00

Son as bateas afectadas pola praga de pateiros que devorou a cría de mexillón neste polígono situado preto da illa da Creba, na ría de Muros e Noia.  

"Detectei moito cangrexo, tanto nas cordas, como nas vigas, como por fóra da batea, estaba todo inzado de cangrexos", explica Gumersindo Caamaño, un bateeiro afectado.

"Cando levantamos as cordas caían a centos deles", comenta Ramón Formoso, outro bateeiro afectado.

"Teño fotos de como empezaban a comer nas cordas. Comían de abaixo cara arriba", conta Gumersindo Caamaño

Son 8 bateeiros e unhas 25 bateas afectadas. Cada unha delas ten unhas 500 cordas. E todas están prácticamente sen rastro de cría.

"Como podedes ver, non quedou absolutamente nada. Neste polígono prácticamente quedaron todas iguais. Hai algunha que pode ter un pouquiño máis, pero a maioría están peladas de arriba a abaixo", explica o bateeiro Ramón Formoso.

Antonio Formoso ten bateas aquí desde que se instalaron as primeiras hai 51 anos e di que nunca vira tal cantidade de pateiros. Comeron toda a cría de mexillón para a campaña do ano vindeiro.

"Para o ano que vén non temos campaña porque non temos cría", asegura  Antonio Formoso.

Polo momento, os polígonos mexilloeiros de Esteiro e Muros non se viron afectados do mesmo xeito, pero a preocupacion é grande.

"Nós temos bastante preocupación porque na enseada de Muros víanse manchas grandes de pateiros, e non sabemos se van ir ao polígono ou non, nin como vai evolucionar", di Manuel Rama, bateeiro de Muros

Os prexuízos económicos son considerables. En cada batea apañan entre 80 e 100 toneladas de mexillón. E a campaña do próximo ano dana por perdida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade