A marea vermella empeza a remitir, pero o proceso total de desintoxicación prevese lento
Un polígono mexilloeiro de Sada e dous de ostra en Cambados e no Grove son os primeiros en reabrir en toda Galicia
No tocante aos bancos marisqueiros, tamén afectados, xa están abertas cinco das seis zonas da ría de Vigo, cinco das sete de Arousa e catro das sete de Pontevedra
A recollida de mexilla amplíase a todo o mes de xuño
O episodio de marea vermella por toxina lipofílica que pechou todas as bateas de mexillóns de Galicia e gran parte dos bancos marisqueiros empezou a remitir coa reapertura dun polígono en Sada, na ría de Ares-Betanzos, e varios bancos, pero prevese que a desintoxicación sexa lenta.
Segundo a actualización deste venres do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), en relación ao mexillón -a especie máis afectada pola toxina porque filtra moita auga- só está aberto un polígono bateeiro en Sada, ao que se suman dous de ostra en Cambados e O Grove.
O resto de viveiros permanecen pechados e as condicións meteorolóxicas actuais non favorecen unha rápida renovación da auga nas rías, polo que os técnicos do Intecmar prevén que o proceso de desintoxicación natural dos bivalvos sexa lento.
O subdirector do Intecmar, José Molares, xa avanzou a EFE a semana pasada que a apertura de bateas sería progresiva, empezando pola ría de Betanzos e Ares e acabando coas de Pontevedra e Muros-Noia, que presentaban unha elevada toxicidade.
Esta marea vermella é típica da época primaveral e está provocada pola toxina 'dinophysis acuminata', cuxo proceso de desintoxicación pasa por unhas condicións ambientais favorables para que volva eliminarse.
Aínda que as bateas de mexillón son as máis afectadas, tamén tivo impacto nos bancos marisqueiros e chegou a pechar gran parte deles.
Coa baixada da toxicidade, este venres xa están abertas cinco das seis zonas da ría de Vigo, cinco das sete de Arousa e catro das sete de Pontevedra.
Na ría de Muros-Noia só está aberta á extracción unha das tres zonas, que non chegou a verse afectada por este episodio.
As rías galegas xa sufriron unha marea vermella o pasado outono provocado por outra toxina, a 'acuta', que causou un peche de ata tres meses nalgúns polígonos e golpeou ao sector na campaña de Nadal.
A produción do mexillón rexistrou un mínimo en 2025 debido á marea vermella e aos temporais de choiva, que tamén deixaron ao marisqueo nunha situación crítica.
Un mes extra para recoller mexilla
Este xoves celebrouse a Comisión do Mexillón, que reúne á Consellería do Mar co sector bateeiro, na que se acordou ampliar un mes máis o prazo para a extracción de mexilla en banco natural.
Desta forma, a campaña de recollida de neno, que finalizaba o 31 de maio tras outra prórroga acordada na anterior sesión, estenderase de forma excepcional durante todo o mes de xuño para facilitar o abastecemento e garantir a produción das bateas galegas.