OPINIÓN
Cando deixa de compensar producir, por María Bastida
Levamos meses falando do cara que está a enerxía. Case sempre como un problema de inflación: facemos o mesmo ca antes, pero cústanos máis. Esta semana apareceron dous sinais de que a cousa pode ir máis alá.
O primeiro vén de Francia. Alí, unha de cada sete gasolineiras quedou sen diésel ou sen gasolina. Son unhas 1.500. Hai só unha semana eran a metade. Francia apenas produce petróleo e refina moito menos do que consume, así que, depende de mercar fóra. E, como sabemos, fóra hai cada vez menos: Ormuz case bloqueado, Arabia Saudita reducindo as entregas a Europa, Rusia sen exportar diésel polos ataques ás súas refinarías. O diésel alcanzou máximos históricos en Europa. Francia lémbranos que non abonda con poder pagar a enerxía, ten que estar dispoñible cando a necesitas.
O segundo sinal témolo aquí. A grande industria española calcula que a crise lle custará 7.400 millóns de euros adicionais en enerxía este ano. E o 70 % dese golpe aínda está por chegar. As patronais xa falan do risco de paradas.
Unha familia pode reaccionar: baixar a calefacción, aprazar unha viaxe. Unha acería ou unha industria química teñen moita menos marxe de manobra. Necesitan unha determinada cantidade de enerxía por tonelada producida. Cando xa non compensa, só lles queda producir menos ou parar.
Non estamos aínda ante unha crise xeneralizada de subministración. Unha economía pode aguantar un tempo con enerxía cara, pero o que non pode é producir durante moito tempo cunha enerxía máis cara ca a dos seus competidores. Porque entón pérdense pedidos, e o cliente que marcha non sempre volve.
O prezo da enerxía deixa de ser un problema de inflación cando converte producir nun mal negocio. Isto é o que cambia o escenario: a enerxía pasa de encarecer a produción a decidir se a produción continúa.