Abre o prazo das axudas para acuicultores afectados por peches por biotoxinas en 2025
Os polígonos cun número de días de prohibición de actividade superior a catro meses seguidos son Bueu A, Bueu B, Cangas A e Cangas B
O importe da axuda será, como máximo, o 50 % das perdas que se producisen nas vendas realizadas, sempre e cando o importe da axuda correspondente sexa superior a 1.500 euros por persoa beneficiaria e cun límite máximo de 100.000 euros
A Consellería do Mar abre este mércores o prazo das axudas de carácter compensatorio destinadas aos acuicultores para facer fronte ás perdas pola suspensión da colleita de moluscos durante 2025 debido á presenza de biotoxinas.
A orde, que foi pública este martes polo Diario Oficial de Galicia, recolle que a suspensión debeu producirse como consecuencia da contaminación de moluscos por proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto que conteña biotoxinas, e sempre que a contaminación tivese unha duración superior a catro meses consecutivos.
Así, os polígonos que tiveron en 2025 un número de días de prohibición de actividade superior a catro meses continuados, motivado pola presenza de biotoxinas, son Bueu A, Bueu B, Cangas A e Cangas B.
A orde conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros e está cofinanciada nun 70 % polo fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e nun 30 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.
O importe da axuda será, como máximo, o 50 % das perdas que se producisen nas vendas realizadas, sempre e cando o importe da axuda correspondente sexa superior a 1.500 euros por persoa beneficiaria e cun límite máximo de 100.000 euros.
Para calcular o importe, teranse en conta as vendas do ano 2025 en comparanza cos anos 2022, 2023 e 2024. O prazo de solicitude será dun mes contados desde o día seguinte á publicación da orde no DOG e a tramitación deberá realizarse obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede da Xunta.