Actívase o Plan de vialidade invernal para vixiar e atender incidencias nas estradas
A Xunta mobiliza 350 operarios e 200 vehículos
Este plan de actuación abrangue os 5.500 quilómetros de estradas da rede viaria autonómica
En pleno outono e co inverno á porta, é a época do ano na que se rexistran máis complicacións nas estradas debido á forte choiva, á neve ou á formación de placas de xeo. Para facerlles fronte a estas e outras incidencias xa está en marcha o Plan de Vialidade Invernal.
"Temos agora mesmo máis de 350 traballadores, máis de 200 máquinas, empregaremos máis de 5.300 toneladas de sal e salmoira para previr", explica María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Este plan de actuación abrangue os 5.500 quilómetros de estradas da rede viaria autonómica, prestando especial atención aos máis de 800 quilómetros identificados de maior risco por concentración de neve. Pero á hora de conservar as infraestruturas e evitar risco, ten especial importancia a prevención.
"Os meses duros son decembro, xaneiro e febreiro, pero os tratamentos preventivos fanse moitas noites para que non se formen placas de xeo. Son o máis perigoso porque cando os condutores ven neve xa van máis amodo pero atoparte unha placa de xeo pode orixinar un accidente moi grave", comenta Gerardo Pallares, enxeñeiro da Axencia Galega de Infraestruturas.
Este Plan de vialidade invernal estará activo ata o 30 de abril.